Facer o agosto

Estíbaliz Veiga ARRIBA O PANO!

A MARIÑA

30 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo o mundo no verán trata de poñerse tipo Hilda, diría o meu avó. As que fomos nenas nos 90, tiñamos patróns pouco realistas para medrar e ser adolescentes sen complexos. As ansiadas tallas oníricas 32 e 34 das top models que nos torturaban na época do instituto, grazas a Deus, agora convertéronse nunha «necesidade natural» de estar saudables e felices no noso corpo. Comecei este mes con Cristina Noriega, nutricionista e psiconeuroinmunóloga de Viveiro a miña aventura paleo-evolutiva. Consumo alimentos reais e non procesados. No meu caso, «pisci-vexetariana», podo comer pescado, marisco, ovo e froitas e verduras de tempada. Recomendoume a dieta antiinflamatoria evolutiva. Pode ser difícil comprender se unha dieta pode ser proinflamatoria ou non. Pero non é tan lonxano pensar que os excesos da dieta producen sobrepeso, inchazón, estrés e mal durmir. Isto pode provocar síndrome metabólica, diabetes e hipertensión.

Nefastos para a saúde son os niveis elevados de colesterol por inxestión excesiva de graxas animais. Poden provocan patoloxías como cirrose e arteriosclerose, cancro gástrico, etc... Por exemplo, o consumo ou exposición a substancias tóxicas (alcol, acrilamida, aminas aromáticas, perturbadores endócrinos, benceno...) son terribles para o organismo.

Todo isto nos soa a chinés. Por iso, ademais de pautas e menús necesitamos a profesionais que o traduzan ao noso idioma, como fai Cristina (coach de saúde, Máster en Nutrición, bióloga…) comigo. A flora bacteriana responde rapidamente, como a nosa mucosa, cando a inxestión é prexudicial. Máis alá do que podemos detectar coa nosa sensibilidade, o lóxico sería consumir produtos aos que estivemos expostos ao longo da nosa evolución. Comezo a ver os avances desta fórmula para traballar o amor propio. Naturalmente, desde a Mariña.