Carta dirixida á veciñanza de Celeiro

Grupo Celeiro Rexorde TRIBUNA

A MARIÑA

30 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Seguramente unha gran maioría xa non recorden, por exemplo, a paria de Lavandeiras, a antiga igrexa ou o peirao vello. Iso si, sempre que ensinamos unha foto do que un día foi Celeiro a resposta acostuma a ser a mesma: «Que bonito era!». Acostumamos a falar en pasado destas reliquias que fomos perdendo, mais o mesmo está a acontecer coas nosas rúas. O Celeiriño e a Rúa Grande, Lavandeiras, O Chao ou a Atalaia son só algúns exemplos nos que claramente se pode ver o paso do tempo. Parece ser que en Celeiro cando algo é antigo, en lugar de restauralo, ou se tira ou se deixa caer e, de seguir así, cando nos deamos conta, este antigo pobo mariñeiro ensinarémolo tamén nalgunha que outra fotografía e volveremos dicir o mesmo: «Que bonito era!».

O grupo veciñal Celeiro Rexorde créase polo abandono que desde hai anos vén padecendo Celeiro causando a perda de servizos básicos e, como consecuencia, de poboación. Somos unha parroquia mariñeira que, de actuar rápido, aínda se podería salvar para que as futuras xeracións non falen en pasado, senón en presente e podan dicir que Celeiro é bonito. Como grupo, queremos cambiar esta situación e polo tanto procuramos o seguinte:

1. Lograr un Celeiro atractivo. A xente non se queda a vivir aquí porque hai moitas, demasiadas, casas en ruína e perigo para viandantes e, como é lóxico, prefiren investigar noutra zona de máis valor. Entendemos que ninguén quere vivir rodeado de ruínas e maleza e, polo tanto, intentaremos que as administracións competentes desenvolvan as xestións necesarias para cambiar esta situación.

2. Obter servizos básicos como, por exemplo, un supermercado. Somos uns 1.500 habitantes e hai espazo dabondo onde situalo. Viveiro e outras parroquias do municipio teñen varios servizos básicos, pero Celeiro non. E logo por que non imos ter dereito a facer a compra preto da casa?

3. Solicitar un lugar para os nosos maiores onde a xente poda reunirse para falar, ler, xogar á baralla, entreterse ou organizar actividades socioculturais e de ocio.

4. Retomar a construción da Praza das Obreiras da Conserva, un antigo proxecto que no seu día se lle prometeu á Asociación de veciños de Celeiro.

5. Conseguir un carril de bicicletas que, mesmo sendo pioneiros, pode ser unha boa forma de ensinar esta zona.

Todos estes obxectivos, anteriormente propostos, irán orientados sempre desde un punto de vista inclusivo e accesible para todas aquelas persoas que teñan algún problema de mobilidade, cegueira ou xordeira, entre outros.

A maiores, aceptaremos outras propostas da veciñanza sempre que beneficien a Celeiro, o grupo de actuación estea de acordo e as persoas interesadas se mostren implicadas. Aínda que poderíamos seguir escribindo moitas máis reivindicacións, tan só queremos presentarnos e mostrar que imos traballar nestes cinco puntos necesarios para Celeiro. Calquera persoa que estea interesada poderá consultar a documentación pertinente relacionada cos puntos anteriormente mencionados. Iso si, é necesario especificar que atenderemos solicitudes dirixidas ó ben común e nunca ós intereses particulares.

Se pensas coma nós, imos necesitar o teu apoio. Nós queremos seguir vivindo en Celeiro, nun Celeiro mellor, e ti?