«Buscamos que vexas unha peza sen selar e ti saibas que é de Sargadelos»

gala dacosta / a.u. FERROL / LA VOZ

A MARIÑA

Dous mozos ferroláns procuran novas liñas de produto para a marca galega na planta principal de Cervo, combinando innovación e tradición

28 jul 2021 . Actualizado a las 00:19 h.

A amálgama entre a innovación e a tradición formou sempre parte da natureza de Sargadelos. A marca que dirixiu Isaac Díaz Pardo, que xa se encadra na historia da Galicia contemporánea, está a renovar o cadro de persoal en departamentos coma Deseño de produto e Fotografía. A planta de Cervo, considerada Conxunto Histórico e Artístico, caracterízase dende a súa apertura en 1970 por acoller a novas xeracións de traballadores creativos e por propiciar un ambiente de aprendizaxe e de retroalimentación coas persoas que levan empregados décadas.

Alí desenvolven o seu traballo Ana Caneiro e Eloy Hermida, dous ferroláns que se incorporaron ao cadro de persoal recentemente e que, grazas á súa aportación, contribúen ao proxecto de «explorar novas liñas de produto» no que se atopa inmerso Sargadelos nos últimos tempos.

-Como xurdiu a oportunidade de traballar na planta de Cervo?

-Eloy: Cando me graduei en Deseño Industrial non sabía moi ben por onde tirar, así que fixen talleres de skate e de graffiti, organizaba eventos de drink and drawpero tamén mandei currículos e renovei meu portfolio. Fun á entrevista en Cervo con algúns compañeiros de promoción e comecei en prácticas, logo contratáronme por dous anos.

-Ana: Grazas a Eloy souben que buscaban a xente de fotografía. Eu levaba algún tempo sen traballar do meu pola pandemia, así que cando tiven a oportunidade enviei o currículo sen pensalo, entrevistáronme e aquí estou.

-En que consiste o seu traballo en Cervo?

-(E): No deseño de produto eu fago sobre papel ou a ordenador o concepto en 3D, e despois no taller o traballo escultórico de construír esa peza en barro ou escaiola. Logo, ese deseño é o que haberá que replicar.

-(A): Eu estou no departamento online, fago tanto a fotografía de produto clásica para a web coma bodegóns máis creativos. Ademais o entorno da fábrica é precioso e dame moitas ideas.

-Son moitas persoas mozas na planta principal de Sargadelos?

-(E): Hai que ter en conta que en Sargadelos é todo artesán e o moldeado a man require moita práctica, é un oficio. É importante manter ás xeracións vellas segundo vaiamos entrando as novas para preservar a tradición.

-(A): O que máis me sorprendeu cando cheguei á fábrica foron as mulleres que pintan a pulso as xoias, que son tan pequenas e é un traballo impresionante. Tamén no resto da fábrica hai moitas mulleres.

-Como é traballar nun enclave declarado Conxunto Histórico e Artístico?

-(E): A arquitectura do edificio é incrible, e cando vas traballar polo medio do monte ves corzos e raposos, ao final estamos na natureza aínda que sexa unha fábrica. E pola fábrica anda un gato que xa é adoptivo, chamámoslle Isaac porque anda colándose e durme na que era a cama de Díaz Pardo.

-Que marxe para innovar lles deixan nunha marca tan recoñecible como é Sargadelos?

-(E): Se es capaz de entender o estilo, dentro das normas tes todo un abanico de posibilidades. O que buscamos é manter o estilo, que unha peza sen selar poidas vela e saber que é de Sargadelos. Tamén hai que seguir un equilibrio: se innovas moito nunha parte, terás que ser máis conservador noutra. Ao final niso consiste o deseño.

-(A): Eu creo que teño bastante liberdade creativa. Elixo as localizacións, o tema e fíanse do meu criterio. As fotografías sempre pasan por unha revisión por manter o estilo, pero o lugar no que estás e o bonitas que son as pezas préstanse a un tipo de fotografía. É un sitio con moita historia e moita tradición e coas paisaxes váiseche a mente a certo tipo de imaxe, todo é moi inspirador.