O CEIP de Xove gaña o concurso de reciclaxe de Sogama

Lucía Rey
Lucía Rey XOVE / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

Foi premiado un traballo dos alumnos de quinto de Primaria

24 jun 2021 . Actualizado a las 09:08 h.

Un cartel no que os alumnos de 5º de Primaria transmiten a idea de que calquera cidadán pode contribuír a conservar e a mellorar o medio ambiente se ten a vontade de facelo acaba de valerlle ó CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán, de Xove, o primeiro premio do concurso de carteis sobre reciclaxe enmarcado no programa educativo «Recíclate co Sogama» 2020-2021. O traballo galardoado leva por título «Ti tes a chave do cambio. Recicla!», e corresponde á categoría de terceiro ciclo de primaria. Está dotado cunha achega económica de 1.000 euros para a adquisición de material didáctico, así como para o desenvolvemento de accións educativas. Tamén cun diploma de recoñecemento.

Ao xuízo dos rapaces gañadores, a vontade «é a chave» que permite «abrir o candado» das dificultades, a comodidade, os temores... «Consideran que, cun simple xesto como é o de separar residuos por tipoloxías e depositalos nos contenedores correspondentes, estaremos a axudar a protexer a contorna e, por tanto, a osa saúde.

«Ti tes a chave do cambio»

Urxen a propiciar o cambio antes de que sexa demasiado tarde, e culminan o seu relato cunha mensaxe clara: ‘Ti tes o poder de decidir, ti tes a chave do cambio. Anímaste?’», sosteñen desde Sogama.

No curso actual, o concurso promovido por Sogama e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade tiña por obxecto a elaboración dun cartel orientado a promover a reciclaxe en Galicia. O xurado, conformado por representantes das dúas entidades, rexeuse por unha serie de criterios á hora de valorar as candidaturas, como a calidade do traballo, a creatividade e a orixinalidade. «Un mensaxe ambiental para lograr un impacto positivo na concienciación da poboación, así como a claridade na redacción do texto descritivo para facilitar a súa comprensión», abundan.

Educadores ó servizo da empresa pública impartiron sesións formativas presenciais nos colexios, e realizaron visitas periódicas

Desde Sogama agradecen o bo facer do CEIP Pedro Caselles Rollán, o seu interese no programa, o seu traballo incansable e responsable, e o que cualifican de «encomiable compromiso ambiental». E agradecen de xeito especial a implicación da coordinadora do programa neste centro, que é á vez xefa de estudos, Marta Álvarez Fernández. Ao redor de 130 centros educativos teñen participado ata o de agora neste certame, que ten chegado a máis de 38.000 escolares de toda a comunidade.