Estrea este sábado na TVG de «Facendo as Américas», con Estíbaliz Veiga e Ana Feijóo
A MARIÑA

A partir das seis da tarde, para dar a coñecer persoeiros galegos ao outro lado do Atlántico
03 jun 2021 . Actualizado a las 22:28 h.A actriz barreirense Estíbaliz Veiga, que xa estreara «Un país en 360» na canle galega, volverá a ter presenza na TVG en calidade de copresentadora xunto con Ana Feijóo, tamén actriz, dun novo espazo televisivo, «Facendo as Américas», que terá como obxectivo «entreter divulgando a nosa historia e a dos nosos compatriotas, os galegos que se foron, ou os seus descendentes, e ficaron alén do Atlántico, pero que por suposto nunca esqueceron a súa orixe», di a cadea autonómica. Arranca este sábado a partir das seis da tarde.
Persoeiros
O primeiro capítulo centrarase na figura do vigués Demetrio Bilbatúa, considerado fundador do documentalismo hispanoamericano, e para profundizar nel o programa viaxou a México. Tamén o fixo a Brasil, Arxentina e Panamá para coñecer a outros persoeiros como o actor Eduardo Blanco, os empresarios Benito Blanco e Olegario Vázquez Raña, a relixiosa Sor salud, o Premio Nobel Adolfo Pérez Esquivel ou o actual presidente panameño Laurentino Cortizo. Estíbaliz Veiga e Ana Feijóo presentan «cun ton amable no que predomina o rigor, os datos, o sentimento, a emotividade e o bo humor».