En Lourenzá piden o Día das Letras Galegas do 2022 para Fernández del Riego

La Voz LOURENZÁ / LA VOZ

A MARIÑA

No disponible

28 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os tres grupos políticos que conforman a corporación municipal de Lourenzá (PSOE, PP e BNG) presentan ao pleno que se celebrará o vindeiro luns, 31 de maio, unha moción conxunta na que lle solicitan á Real Academia Galega que o Día das Letras Galegas do próximo ano 2022 se lle dedique ao escritor laurentino e histórico galeguista Francisco Fernández del Riego.

Ao mesmo tempo dirixiranse aos demais concellos da Mariña, á Deputación Provincial, ao Concello de Vigo e á Fundación Penzol para que apoien esta iniciativa.

Francisco Fernández del Riego naceu en Lourenzá en 1913 e morreu en Vigo en 2010. Foi un escritor que desenvolveu un gran traballo a favor da cultura galega ata os seus últimos días; un histórico. Del Riego foi ademais un dos principais artífices da editorial Galaxia e director, xunto a Ramón Piñeiro, da revista Grial nos seus primeiros cen números. Como ensaísta e narrador foi autor dunha extensa obra. É un dos personaxes históricos do galeguismo, un referente á altura dos insignes. Loitador incansable en favor da cultura e da identidade propia desta Galicia de antes e de agora.