A Xunta presenta en Fitur a Travesía Marítima Xacobea desde Ribadeo

s. c. MADRID / VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Joaquin Barreiro Cajaraville

Percorrerá a costa lucense e continuará ata o sur do 11 ao 19 de xuño

22 may 2021 . Actualizado a las 08:16 h.

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron onte na feira internacional de Turismo de Madrid (Fitur) a Travesía Náutica Xacobea Sail the Way, que promocionará o Camiño de Santiago por mar entre os días 11 e 19 do vindeiro mes de xuño. Sairá de Ribadeo, percorrerá a costa lucense e continuará ata o sur de Galicia.

A Xunta de Galicia colabora coas asociacións de náutica de Galicia -Northmarinas, Asnauga e Marinas de Galicia- nesta iniciativa que consta dun percorrido de navegación de sete etapas entre Ribadeo e o río Ulla. O evento recalará na metade dos peiraos deportivos da comunidade dando a coñecer aos participantes e a medios de comunicación de cinco países europeos os seus servizos e potencialidades.

Susana Lenguas animou durante a súa intervención a participar nesta iniciativa a todos os navegantes nacionais e internacionais que queiran gozar dunha opción de ocio seguro sen masificacións. Neste sentido, salientou que Galicia é un destino seguro tamén por mar e que a rede autonómica de portos deportivos e instalacións náuticas adquire neste momento un valor estratéxico tanto para a promoción turística de Galicia como para a conmemoración do fito xacobeo.

Susana Lenguas lembrou ademais que esta travesía se pode realizar sen necesidade de inscrición, reservando simplemente a praza de tránsito no porto no que se faga escala. Nesta edición está previsto que participen os barcos das entidades organizadoras, que estarán liderados por unha embarcación patroneada pola campioa olímpica Ángela Pumariega e que reivindicará a figura da muller na náutica.

A eles súmanse un barco de vela adaptado coordinado pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e un barco oficial da Xunta de Galicia no que viaxarán xornalistas especializados en turismo de medios nacionais e europeos.

Finalmente, a presidenta de Portos subliñou a importancia das sinerxías establecidas para a organización desta iniciativa entre as asociacións sectoriais galegas, a Asociación Nacional de Empresas Náuticas, a Xunta de Galicia e Turespaña.

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor durante a súa intervención o carácter tan especial desta edición de Sail The Way, non só pola posibilidade de gañar a Compostela se non porque se pon o acento na promoción «dunha navegación de recreo segura, accesible e aberta a máis colectivos e perfís diferentes, con especial fincapé na presencia da muller no mar».