A gran cita mariñá coas Letras Galegas

y. garcía / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Foron varias as celebracións con motivo da xornada e as lembranzas a Xela Arias

17 may 2021 . Actualizado a las 21:31 h.

Dende a semana pasada foron xa varias as citas na comarca que xiraron en torno ao Día das Letras Galegas, unha xornada especial non só para o mundo literario senón tamén para o musical e folclórico en xeneral pois... que mellor combinación hai que as letras coa música e baile de raíces galegas! Así o fixo, por exemplo, o Concello de Viveiro, tanto cun pasarrúas a cargo do grupo infantil de Bágoas da Terra como a sempre emotiva interpretación do Himno de Galicia, dende o balcón da Biblioteca Pública Municipal, a cargo do gaiteiro viveirense David Bellas. Aínda quedan citas na axenda da cidade, como a obra «Dúo vaguedades», este sábado 22 no Teatro Pastor Díaz, con Fran Rei e Isabel Risco (reserva de entradas previa no teléfono 982 560 162).

En Ribadeo, a xornada deste luns foi do máis frutífera, concluindo por un lado a feira literaria no parque Letras no Campo e repartindo por outro a AC Francisco Lanza entre as librarías ribadenses caraveis vermellos para aqueles que mercasen un libro. Noutros recunchos como en Barreiros houbo recital, no Valadouro humor en galego, tamén teatro e cancións en San Cibrao (Cervo), onde Caxoto porá o sábado broche final en «Xeliña fala galego».

Outra imaxe da xornada: Burela.

Alí, o Concello levou a cabo un «acto sinxelo» inaugurando un cartel no parque bautizado co nome de Rosalía de Castro, actuando a Escola de Música, lendo poesías de Xela o edil José Díaz e intervindo a cronista burelense e historiadora Herminia Pernas.