Susana Seivane: «O público está esperando os concertos como auga de maio»

Yolanda García Ramos
yolanda garcia BURELA/LA VOZ

A MARIÑA

Miguel Vidal

A gaiteira e herdeira da gran saga familiar presenta este sábado novo disco, creado durante o confinamento, na Casa da Cultura de Burela

14 may 2021 . Actualizado a las 19:18 h.

«Estou moi emocionada. Non vai ser un espectáculo grande, completo coa miña banda, senón máis especial, en formación reducida de trío con dous dos meus músicos para poder presentar o disco Dende o meu balcón. Así describe a gaiteira Susana Seivane a súa primeira pisada dun escenario este ano, este sábado en Burela (20.00, Casa da Cultura). «Os concertos en trío son especiais -sigue- porque son máis familiares e máis íntimos, moi divertidos, con moito feedback do público... Creo que o último concerto que fixemos foi por setembro. Burela vai ser a nosa primeira cita de volver a esa ansiada normalidade, agora que se empeza a ver a luz despois do túnel. Para os que nos dedicamos á música, estes meses foron moi duros, polo que teño moitas ganas de ir a Burela. É unha terra que me encanta e onde temos moitísimos amigos, gaiteiros e gaiteiras, músicos... Esa volta vai ser como a primeira vez dun amor. O público tamén está esperando estas cousas como auga de maio. Necesitámolo todos!»

-A pandemia danou á cultura.

-Loitamos moito e con moito esforzo artistas, músicos, promotores, managers, técnicos de son, fotógrafos... Moitas familias viven da música! O público que veu o ano pasado aos nosos concertos tivo un comportamento impecable. Grazas a eses esforzos, demostrouse que a cultura é segura. Foi o sector máis castigado nesta pandemia, pero é que xa sucedera no 2008. Como non a coides, que é unha das cousas máis importantes dun pobo... mal vamos!

-Na Mariña, en plena pandemia, ata naceron grupos novos como Fol do Raxal que, precisamente, toca con gaitas de Seivane.

-Iniciativas así teñen todo o meu apoio e admiración. Tamén eu, en vez de cruzarme de brazos, fixen un disco que foi xestado en pleno confinamento porque o noso aplauso, todos os días ás oito, era musical. Durante 55 días consecutivos. Foi moi importante, recibimos un feedback do público impresionante, non só dos meus veciños, senón que se viralizou nas redes de forma espectacular(...) Eu pedíalles aos meus seivaneiros ‘que canción queredes que toque no balcón?’ e eles facíanme moitas propostas, pero coincidían moito co repertorio que quería tocar: tradicional e de toda a vida, co que empecei. Está incluído no disco que sacamos posteriormente e que todo gaiteiro e gaiteira debe saber (...) Con 12 anos grabara unha maqueta con Santiago Caneiro, quen fixo moito pola nosa cultura e a nosa música; con 10 anos eu xa era coñecida no mundo da gaita e o meu tamborileiro era el, pero aquela maqueta quedou para nós, na casa. Pero sempre tiven ganas de grabar un disco que fora tradicional. Aínda que esa música é a fonte da que sempre bebín, gustábame moito o folk e no meu primeiro disco, no bum dos 90, tirei pola fusión. Dende o meu balcón igual tiña que ter sido o meu primeiro disco, por necesidade emocional. Dos 12 aos 44 tiveron que pasar 30 e pico anos e unha pandemia para facer o disco que quería facer.