Ciclo de charlas de Educando en Familia sobre uso da tecnoloxía e acoso escolar

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Orientadoras de Educando en Familia, un proxecto educativo que foi merecedor meses atrás dun importante Premio Agader
Orientadoras de Educando en Familia, un proxecto educativo que foi merecedor meses atrás dun importante Premio Agader XAIME RAMALLAL

Dará comezo este luns ás 10.30 horas en Ribadeo, e continuará no resto da Mariña ó longo de maio

02 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dentro da iniciativa Educando desde a infancia, o proxecto educativo Educando en Familia levará a cabo durante o mes de maio en distintos concellos da Mariña un ciclo de charlas nas que se abordarán os riscos das novas tecnoloxías e o acoso escolar. Poderán asistir a elas todos os membros da comunidade educativa, como familias, alumnos ou docentes. Serán impartidas, entre outros, por formadores e profesionais da Garda Civil e da Policía Nacional. Darán comezo este mesmo luns en Ribadeo, cunha conferencia que terá lugar a partir das 10.30 horas na Escola de Música.

O 25 de maio o ciclo de divulgación continuará en Mondoñedo, no Centro de Atención Temperá, tamén ás 10.30 horas. Á escola unitaria de Vilaronte, en Foz, chegará o 19 de maio ás 10.30 horas, mentres que no centro social de Barreiros terá lugar o 26 de maio ás 15.30 horas. A Casa da Cultura de Alfoz acollerá o proxecto o 20 de maio ás 10.30 horas. Ademais, en Ourol os profesionais impartirán unha charla no edificio multiusos o 24 de maio ás 11.30 horas. O 18 de maio ás 10.00 horas estarán no auditorio de Cervo, toda vez que o 11 de maio irán a Burela (salón de conferencias, 10.00 horas).

Policía Nacional en Viveiro

O 27 de maio estarán no Vicedo, na Casa da Cultura ás 10.30 horas, e axentes da Comisaría da Policía Nacional de Viveiro darán unha charla na Academia CEM, situada en Covas.

Ademais, o ciclo educativo tamén chegará a municipios da Terra Chá e do norte de Lugo, como Riotorto, Guitiriz, Begonte, Castro de Rei, Outeiro de Rei ou Xermade este mes.