O focense Daniel Irimia pasa do anuncio de Gadis a triunfar como «tik toker» en galego

Lucía Rey
lucía rey FOZ / LA VOZRIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

Daniel Irimia, xunto a unha escultura de Ramón María del Valle-Inclán
Daniel Irimia, xunto a unha escultura de Ramón María del Valle-Inclán CEDIDA

Supera xa os 14.500 seguidores na coñecida rede social de vídeos curtos

10 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Meses antes de que o coronavirus entrase en escena, Daniel Irimia Gómez saltou á fama tras protagonizar o anuncio de Gadis de «Ser galego mola». Ano e medio máis tarde, este rapaz focense de 24 anos continúa preparando as oposicións para ser profesor de Secundaria de Bioloxía mentres triunfa como «tik toker» colgando vídeos curtos en galego na rede social do momento. «O tema do Tik Tok empezou na cuarentena, que foi cando se viralizou. Aínda que seguía estudando, só se podía saír comprar e había que entreterse porque un abúrrese», comenta Irimia. Despois de familiarizarse coa aplicación, que ten utilidades diferentes, por exemplo, ás de Instagram ou Facebook, comezou a gravar vídeos en galego nos que fala, entre outros, dos estereotipos que hai sobre os galegos. «Un que gustou moito foi o dun home mexicano que ten un canal de cociña con moitos seguidores e un día fixo uns tacos de polbo. Eu contesteille con outro vídeo no que lle dicía: ‘Pero como lle fas iso ó polbo, home?’», sorrí.

Noutro dos vídeos que se teñen convertido en virais representa unha conversación entre seu pai e máis el na que analizar por que os galegos «somos máis de ir por Nacional ca por autovía». «Son todos vídeos feitos co bo humor, sen faltarlle ao respecto a ninguén», comenta Irimia, que tamén ten resposta para os coñecidos como haters, usuarios que acostuman a colgar comentarios negativos. «Contéstolles de boas maneiras, non acostumo a ter problemas con ninguén», comenta.

 «A lingua é un vehículo de expresión e a finalidade é comunicarnos, non debe haber polémicas», Daniel Irimia, «tik toker» en galego

Colaborador na TVG

Nestes tempos, compaxina esta faceta co seu traballo como monitor de surf e mesmo colaboracións no programa da TVG «Quen anda aí?», presentado por Roberto Vilar, natural de Xove. «Houbo unha polémica porque a Xunta sacou unha campaña animando a usar o galego nas redes sociais e Tik Tok vetouna, e chamáronme para participar nunha entrevista por Skype. Despois fun de colaborador algunhas veces máis», comenta.

O perfil de Daniel Irimia en Tik Tok é @chavaladita, mentres que o de Instagram é Chavalada.