Nace Fol do Raxal: «Temos ganas de tocar onde, cando e como poidamos»

Y. G. CERVO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA `POR FOL DO RAXAL

Sen dúbida, é «rara avis» un grupo musical que xurde en plena pandemia

14 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En plena pandemia vimos nacer novos negocios de hostalería, comerciais, ximnasios... e detrás deles, xente emprendedora e dende logo aventureira, que «habela haila» no ámbito cultural. Quizás estrane que, sen festas nin foliadas nin cantos de verbena nin iniciativas de balcón, naza unha asociación músico-cultural. Fol do Raxal é esa «rara avis». Nada en Cervo, os seus compoñentes son de distintos recunchos da Mariña. A falla dun local, adoitan ensaiar na área recreativa de Sargadelos, ao carón do Paseo dos Namorados, para poder facelo como mandan os cánones do covid: ao aire libre e con distancia. O seu presidente José Antonio Lozano describe como soen chamar a atención aos que por alí pasan e que fai tempo que non escoitan música galega en directo: «Certo, algúns sácannos fotos, grábannos vídeos... Realmente nós somos alleos a esa situación; Sargadelos é o noso punto de encontro para ensaiar nun lugar aire libre. No último ensaio, manifestaránnos que era unha alegría sentir o son das gaitas e ver algo de vida nos pobos». Pese a non ter citas programadas, pulen igual o seu talento co afán de «poder amosalo nunha foliada e cantos de tabrna... e máis nós, que estamos empezando». «Temos ganas de tocar onde, cando e como poidamos», engade Lozano con ilusión porque chegue a hora.

Xa contan con camiseta e logo propios, deseño de Diego González Cereijo. Ademáis de José Antonio Lozano, integran a directiva da asociación Manuel Pérez como vicepresidente, Rubén Cereijo secretario, David Moreiro tesoureiro e Elías Gándara e Ramón Ron vogais. A maioría deles pasaron por Airiños do Xunco.

Antes da pandemia, nin tiñan nome nin constituiran asociación. Eran tan só un «grupo de amigos» que se xuntaban para tocar en foliadas ou cantos de taberna. Quedoulles a «inquedanza de formalizar a asociación» e agora, como tal, o obxectivo non muda: «Seguir defendendo, apioando e transmitindo a cultura popular enfocada a música tradicional, co ánimo de espallar o que nós coñecemos». Así o declaraba hai pouco en RadioVoz o presidente, quen fala da boa saúde da que goza hoxe a música tradicional galega, aínda que «coa pandemia e as restriccións, non temos moito onde amosarnos, expoñer o noso traballo e o noso saber facer». Mentres non volva o calor do público, insustituíble pese ás activas redes sociais, polo de agora queda «reinventarse» co streaming: «Se continua así e dura moito (esperemos que non) haberá que tirar das novas tecnoloxias para amosar o noso traballo».