Felipe Díaz "Caxoto": «Ao caerse as funcións para o Entroido, tiven que facelas online»

Y. G. CERVO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

A Trastenda dos Contos ofrece a concellos "Contos entroideiros para comer orellas"

17 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte foi martes de Carnaval. Polo covid, esta vez non foi posible a celebración popular como tal. Pero iniciativas alternativas de Entroido non faltaron. O cervense Felipe Díaz «Caxoto» divulga coa súa Trastenda dos Contos por YouTube «Contos entroideiros para comer orellas» a concellos que suspenderan as súas funcións presenciais, ante as restriccións: «Ao caerse as funcións para o Entroido tiven que facelas online».

-Cantas funcións eran antes e cantas quedaron despois, xa so «online», de Entroido?

-Presenciais debía ter 14 e ao final quedaron 9 online. En Burela, prevemos estar a finais de febreiro cun espectáculo de lingua oral e de signos, no que estarei con Gema Santos. Tamén este mes é o Día de Rosalía. E, se todo fose polo bo camiño, as seguintes citas serían polo 8 de marzo, pero por agora a cousa está moi tibia.

-Menos mal que hai Internet.

-Si, atopei unha vía de escape, unha solución. Fago, por un lado, funcións que se emiten en directo (streaming), e por outro, grabadas enteiras e outras con contos editados, de montaxe audiovisual, que colgo na miña canle de Youtube. Logo, comparto o enlace coas bibliotecas e concellos.