Paco Rivas, escritor: «Lendo pódense vivir mil vidas e, senón, vives unha e moi aburrida»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

O autor publica «A lúa non era lúa» e ten outro libro próximo, «Rosas envaiñadas»

03 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando toca falar con Paco Rivas, o tempo estírase coma chicle, coma os reloxos brandos ou derretidos que imaxinou Dalí hai xusto 90 anos, en La persistencia de la memoria. A conversa telefónica circula por diversos camiños, aínda que hai un eixe central: a publicación de novos libros. Un deles é «A lúa non era lúa», e xa anuncia o escritor focense que hai outra obra súa case a punto, titulada «Rosas envaiñadas».

-Describa «A lúa non era lúa».

-É un libro de relatos. Dalgunha maneira, a outra lúa anda sempre presente, e unha lúa non sempre é lúa. Son relatos breves, que se desenrolan de noite, con toda a acción durante o luar. Digamos que a lúa condiciona, xunto con outros fenómenos atmosféricos como a néboa. Transforma a realidade, e prodúcense acontecementos do alén, podemos dicir.

-Ata aí podemos ler, logo. Considera que teña un punto lunático?

-Non, non me considero lunático. Si que as noites de luar son preciosas, pero chegar a crer que a lúa condiciona e marca... E iso que miña nai dicía: ‘Non se pode podar ata que veña a baixante'. Supoño que algo condicionará.

-Podía haberlle dado unha volta ao título. Se fose «O covid non era covid», ao mellor vendía máis.

-(Ri) Si, este bicho estanos cambiando a vida. A min amárgame, sobre todo pola falta de liberdade. Aínda que son home de saír pouco e non me gusta viaxar... O que pasa coa pandemia é que me mata que non se poda facer.

-Menuda factura lle está pasando ao sector cultural, verdade?

-A cultura sempre estivo desprazada, pero agora máis.

-Algún proxecto máis no que ande, aparte do último libro?

-Teño un poemario que estará a saír. Rosas envaiñadas (portada de Mariángel Leal) e fala do que estamos a falar, pois son poemas pandémicos. Fóronme saíndo no encerro, neses momentos de agobio, poemas e textos que logo mandei á editora.

-Terapeuticos?

-Un pouco de desafogarse hai cando escribes, ademáis que tes máis tempo para escribir. Teño libretas cheas de poemas, algúns non me gustan xa, de cando tiña 16 ou 17 anos; ou collo ideas deles, vas ao baúl dos recordos...

-Disque na pandemia se están a vender máis libros.

-Iso me din, que se está lendo máis. Menos mal, e non o digo xa non polo que eu venda. Gústame que a xente me lea, non tanto polo que gano, senón para que a xente se vaia dando conta de que hai máis cousas cando non sabes que facer na casa que enchufar a tele... Ler un libro faite ir a mundos diferentes, viaxar, sentir sensacións novas. Lendo pódense vivir mil vidas, e senón, vives unha e moi aburrida.

-Que le agora, por certo?

-O noso é o escribir e o ler, porque para escribir hai que ler moito.

-Con que se está nutrindo, ou desnutrindo, literariamente?

-Pois teño na mesiña de noite o Quijote. Reléoo sempre, pero co empeño de lelo completo. Sempre que o lin, dúas ou tres veces, salteime cousas. No instituto lías ese Quijote, pero adaptado. Que é o que máis leo ou máis me gusta? Son reacio a ler cousas novas... Sei que non está ben, porque sendo así, ninguén me lería a min. Son máis de reler a Márquez, Juan Rulfo, Rosalía, Curros, Pondal, etcétera... Pásame igual co cine, pois son reacio a ver cine novo. Ata na música sigo escoitando aos que escoitaba de rapaz: os Beatles, os Rolling, Garfunkel...

-Pese á pandemia, a nivel de creación literaria parece que lle é bastante produtiva. Cantos libros leva escritos e publicados?

-Un par de ducias... Escribo moito, aínda que é moi difícil publicar. Dicíame un editor: ‘Temos un problema, na pandemia escribistedes moito máis e nós temos máis problema para sacalos'. Sobre todo, estamos nun momento no que non se poden facer presentacións, porque quen entra nunha libraría? E as feiras do libro? Onde os vendemos?

-A venta literaria online tamén é posible e parece funcionar. Non ten páxina propia en Internet?

-Paco Rivas non ten desas cousas.

«Todos os sábados dende fai 30 anos colaboro con Radio Cornellá, onde hai colonia galega»

Paco Rivas conta tamén que colabora todos os sábados con Radio Cornellá «dende hai 30 anos». «Téñenme -explica sobre esa faceta radiofónica- como corresponsal da Mariña porque en Cornellá hai unha colonia galega grandísima, teñen grupos de baile, danza, teatro, fan concursos literarios... Efectivamente, eu fálolles de literatura e léolles uns poemas, pero no programa terminamos falando de todo: que tal tempo temos por aquí, como levamos a pandemia...». Mentras, segue a cultivar a escrita como ben sabe facer. E, como di, «en función do que sinto, como son e me gustaría que pasara e o que pasou, e o que me invento».