Caxigueiro: «A natureza ensíname a ter paciencia»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

Imaxe de arquivo de Caxigueiro paseando por Espazo Caritel en Foz, o seu xardín botánico e artístico
Imaxe de arquivo de Caxigueiro paseando por Espazo Caritel en Foz, o seu xardín botánico e artístico PEPA LOSADA

Recentemente, a Deputación de Lugo editou o catálogo «A métrica do ilusionismo» do artista mariñán, que tamén leva o Espazo Caritel en Foz

01 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En demasiadas ocasións, o coronavirus «despraza» asuntos tamén de actualidade e que merecen tamén o seu espazo, como os de tipo cultural, á súa vez afectados notablemente pola pandemia. Pero de cando en vez, aínda que agora hai restriccións extremas que anularon citas dese perfil, xorden perlas artísticas que son dignas de apreciar e que nos facilitan parar e baixarnos da tola noria do covid. Así, conversamos telefónicamente con Daniel Caxigueiro, artista multidisciplinar, pai do Espazo Caritel en Foz, onde conxuga a súa arte coa da nai natureza. Unha excelente excusa: a última publicación de «A métrica do ilusionismo» pola Deputación Provincial de Lugo, catálogo que repasa 15 anos de creación fértil, do 2005 ao 2020, previa selección, en instalación, escultura, fotografía e poesía.

-Como leva a nova normalidade?

-Estouno tomando con moita preocupación pero propúxenme normalizar. En Mondoñedo, como teño a miña nai e a miña tía, ando con coidado. Polo demáis fago vida normal; cando se pode, saio a tomar o café e facer as compras. O resto do día estou na casa ou no xardín. Teño o tempo ocupado. Non noto modificación.

-Como vai o Espazo Caritel?

-O tema das visitas está un pouco aparcado. Aínda que as camelias están estupendas, pola nosa climatoloxía paga a pena esperar un pouco máis, porque con respecto ao sur de Galicia imos con retraso. Aquí, o mellor mes é febreiro, cando máis camelias están abertas. Tamén a climatoloxía inflúe no mantemento, porque non podes meter o tractor nin cortar céspede.

-Que aprende agora da natureza, sabendo que o covid é algo orixinario dela?

-En principio, a min a natureza ensíname unha cousa que ata que eu non tiven un xardín non era moi consciente dela: a paciencia. Cando plantas algo tes que adaptarte ao seu ritmo. É verdade. É importante para min, porque a paciencia non era precisamente a mellor das miñas virtudes. O que supón de abuso á natureza nos vén de volta; en parte algo ten que ver con isto [a pandemia]. Se seguimos abusando da natureza, creo que isto se vai repetir con máis frecuencia. E abúsase! Non hai máis que ver a biodiversidade que había na Mariña cando eu era neno e agora, que é practicamente un eucaliptal. Acordo de ir á Rapadoira e ver nécoras. Algunha flora e fauna están a desparecer e todo ten un coste... e todos cumprimos un papel na natureza.

"O que supón de abuso á natureza nos vén de volta; en parte algo ten que ver con isto [a pandemia]"

-Proxectos artísticos agora.

-Estou facendo bastante fotografía e poesía, acabando un proxecto para unha instalación e ocupándome de proxectos que me veñen de fóra. Acaban de convidarme para participar na exposición da Cidade da Cultura, dentro duns meses, polo Xacobeo.

-Económicamente, xa que un artista tamén ten que gañar para vivir, que representa ese proxecto?

-O traballo do artista, moitas veces, non vai acompañado dunha nómina todos os meses... Para nada! Participo nesta exposición cunha peza de gran formato que terei que poñer a punto, limpar, empaquetar e economicamente non me vai reportar nada, aparte de gastos. Unha cousa é a creación, outra a exposición e outra o mercado.

-Tamén suma o catálogo.

-Esa foi unha posibilidade moi interesante, tamén cunha exposición que organizou a Rede Museística, co Museo Provincial de Lugo, amosando o máis interesante das miñas series entre 2005 e 2020 de escultura, instalación, fotografía e poesía. Dalgunha maneira é dar unha visión máis completa do que recolle a miña obra.

PEPA LOSADA

«Dáme pena que o sector cultural estea desaparecido»

O covid pasa factura e grande ao sector cultural en xeneral. Sobre diso falamos con Caxigueiro, quen confesa: «Dentro disto son afortunado pois non sempre se pode facer unha exposición como a que fixen ou un catálogo así. Que é de agradecer, pero dáme pena que o sector cultural estea desaparecido». Continúa falando de «A métrica do ilusionismo»: «O catálogo vén sendo un libro, é máis que un catálogo. Está feito con moito coidado. Tivo moito que ver xente da Mariña: Diego Núñez fixo o deseño e a impresión foi en Gráficas Lar. Dalgunha maneira, é un traballo colectivo, porque na seleccion de fotos tivo que ver Ignacio Castro «Nachok», e Eduardo Estévez na selección de poemas. Ese é o éxito do catálogo. Todo o mundo me felicita porque o catálogo está moi ben».

-Lembra que a súa primeira mostra individual foi nos 80 en Lugo. Canto evolucionou Caxigueiro dende aquela, que hai no actual que non había no pasado?

-En Caxigueiro hai agora maior formación e maior información, que é básico. E experiencia. De todos estes anos hai un traballo pero un tamén aprende, vai a museos, le, interésase por traballos doutros compañeiros, e vai ampliando rexistros. Empecei facendo escultura, aínda que sempre había algo de poesía, pero de forma case anecdótica. Logo, a instalación, a fotografía e agora a poesía si que ocupa un lugar importante. Ao final, falamos do mesmo, todo se entremezcla, porque hai esculturas que dan pé á poesía ou instalacións que dan pé á fotografia.