«Buscar onde comer ou ir ao baño, para un camioneiro é unha odisea»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía XOVE / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

«Este sector é de sempre do máis abandonado, con ou sen pandemia», confesa Amador García, xerente de Transportes Paraíso en Xove

15 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O oficio de camioneiro non figurou nunca entre os considerados «doados». Tradúcese en moitas horas na carretera, lonxe da familia e circulando solo ou sola e de noite ou en condicións tan adversas como as de Filomena. Ás dificultades inherentes da profesión hai que sumar, dende que o virus anda entre nós silencioso e invisible, outras que teñen que ver co seu día a día e co máis básico para calquera, como alimentación e hixiene. Peches hostaleiros e limitacións polo covid en áreas de servizo obríganlles a dedicar máis esforzos do normal para algo tan simple como querer comer, poder ducharse e máis.

-Como se sinten tratados, sobre todo tras ver milleiros de camioneiros bloqueados no Reino Unido polo Brexit ou recentemente polo temporal Filomena, e todo no medio da pandemia a maiores?

-O sector do transporte é sempre do máis abandonado, con e sen pandemia, que quede claro.

-Empezaron o 2021 milleiros de camioneiros bloqueados no Reino Unido polo Brexit, mais polo temporal Filomena, que amosaron de inmediato desabastecemento de produtos.

-A xente pensa que as grandes superficies teñen stock de mercancía, pero os almacéns de stock non existen, están circulando continuamente pola carretera. Se falla como fallou pola neve, en dous días está todo desabastecido porque realmente non hai stocks nas naves de distribución, teñen un mínimo que non aguanta nin dous días. Somos moi esenciais. Pero o noso sector no saben regular ou administrar ese poder. Hai moitos sectores nosque hai moita máis unión, pero no noso caso non hai nin das asociacións, é dicir, non repercuten as necesidades do sector no país.

-Algún dos feitos citados antes lles afectou na súa empresa?

-O Brexit non, porque solo facemos España e Portugal pero Filomena si que afecta ao facer a zona centro. Foi moi complicado. E o que máis nos afecta é a pandemia. Levamos un 2020 cunha reducción importante de facturación. Aparte, tamén o de Alcoa.

-Engadiranse a todo ese «cóctel» as complicacións internas...

-É un sector moi atomizado, de pequenas empresas. A media de unidades nunha empresa, en canto a camións, é de dous ou tres. Hai moito autónomo e están moi diversificadas as opinións.

-O ano pasado demandaban atención básica nas rutas, durante o confinamento primaveral.

-Os nosos conductores non tiñan nin onde comer nin onde ir facer as necesidades básicas, sen baños e sen duchas... A situación vaise volver a producir, se se fai peche de hostalería. Non só o noso sector, toda a xente de comerciais e de obras desprazada por todo o territorio español está na mesma situación. Agora en Viveiro, solo abrindo en terrazas na hostalería, a xente non ten onde comer. O camionero ten a sua ventaxa porque ten a cabina do camión, pero un que vén nun turismo como un comercial que fai autoventa, como fai? Ou xente que taballa en obras, onde comen? Onde vas a un baño se hai peche perimetral e hostaleiro? O ano pasado, dera unha volta o Goberno dicindo que as áreas de servizos de grandes petroleras estiveran abertas. Non era verdade, porque esas áreas están administradas por empresas privadas que tomaron as súas decisións e vimos que non se deu o servizo que dixo o Goberno. Buscar onde comer ou ir ao baño, para un camioneiro é unha odisea. Todos os que estamos no sector do transporte estamos perxudicados. Que non o decimos? Si, pero sufrimos todos os días estes problemas. Agora, a partir das seis da tarde temos que mirar que concellos non están pechados perimetralmente ou que a hostalería estea aberta ata as once, porque hai moita xente que traballa de noite. Dinche que podes pedir a comida, pero un camión non pode entrar ao centro do pobo se non ten tampouco onde aparcar. E agora, coa pandemia, é terrorífico. Non digo que teña que estar todo o mundo aberto, pero si algún punto. E insisto, hai infinidade de sectores afectados aparte de camioneiros: técnicos de mantemento igual, repartidores de distribución de mercancías igual, comerciais igual...

-Logo, cando vamos ao supermercado e as estanterías están baleiras de frescos, acordamos do camioneiro que os transporta.

-Mira que valorados estamos que cando hai unha ponte de vacacións, os primeiros que aparcan en horas punta son os camións para que a xente poda saír libremente e non haxa atascos. El vai realizando un traballo que mañá, onde chegue o señor de vacacións e quere ter cubertas as súas necesidades, que no seu hotel en Benidorm haxa zume de laranxa. Pero iso hai que transportalo todo. Como cando se chega ao supermercado se carga o carro da compra, ninguén pensa en que cando hai restriccions os camións non poden circular, pero as horas de paro hai que recuperalas. E, polos horarios de conducción e de descanso, tes que facer unha planificación tremenda, con moita anticipación e todo para entregar a mercancía na súa data.

Empresa hoxe cunha flota de 20 camións e uns 30 empregados e coas orixes no ano 1978

Transportes Paraíso é de 1989 como sociedade limitada, ainda que a empresa vén de Amador García pai e do ano 1978. Tivo a súa sé en Viveiro, «pero a necesidade de ter unha nave de loxística e de mantemento foi a maneira para vir para Xove» cando o polígono de Camba abriu, onde están dende 2002. Actualmente, a súa flota está composta por 20 camións: «Facemos todo tipo de transporte (frigoríficos, lona, etcétera). As nosas rutas principais son España e Portugal, que van confinar un mes. Poderemos entrar en Portugal, porque o transporte está considerado actividade esencial, pero redúcese todo se hai confinamento». A empresa inclúe gasolineira e taller. «Hai que ser optimista e tirar para diante porque o mundo non pode parar», di Amador García.