«Impulsamos a Vieites dende Lugo para que se vexa a unidade empresarial»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

A MARIÑA

ALBERTO LÓPEZ

A patronal lucense presentouno como candidato á Confederación Galega

13 ene 2021 . Actualizado a las 22:19 h.

Dous meses despois dos comicios errados e da presidencia de 48 horas de Díaz Barreiros, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) está a piques de celebrar novas eleccións. Este xoves péchase o prazo para inscribir candidaturas (e o 21 votarase) e a día de hoxe só Juan Manuel Vieites-Baptista de Sousa, secretario xeral de Anfaco-Cecopesca e vicepresidente da patronal de Pontevedra, deu un paso á fronte. Vieites preséntase como candidato da Confederación de Empresarios de Lugo e o presidente desta, Jaime López, ten as claves.

-A CEL apadriña un candidato que é vicepresidente en Pontevedra. Isto é o que se chama un candidato de consenso?

-Si, a priori esta candidatura leva traballándose en sixilo certo tempo e nun principio existe consenso maioritario das organizacións que forman parte da CEG sobre a figura de Vieites. Impulsalo dende Lugo é para que se vexa ese concepto de unidade empresarial, que non é un tema de localismos. Lugo tamén promove a súa figura porque é moi relevante para a nosa provincia polo Brexit e a flota, que é a que ten máis licencias de pesca na zona de xurisdición británica. Juan é unha persoa cun expertise niso e en fondos europeos e proxectos de recuperación comunitarios. Temos unha moi boa relación con el dende hai moitos anos, é un gran xestor e cremos que pode ser o candidato idóneo para deixar de perder o tempo.

-Fala de que xa levan un tempo traballando na súa candidatura. Dende a renuncia de Díaz Barreiros?

-Si, porque había unha urxencia evidente de ter un presidente á fronte da CEG. Á marxe de todo o que ía saíndo nos medios, onde había postulamentos non oficiais, nós tiñamos contacto con el, e falando é como se arranxan as cousas. Houbo conversas e chegouse ao acordo de que podía ser unha figura idónea.

-Quen tomou a iniciativa?

-Lugo leva moito tempo falando con Juan, agardando a que fose o momento oportuno e el estivese convencido de asumir este rol. Víase que era unha figura de consenso que aglutinaba o interese empresarial. Como el dixo, xa falou con diferentes empresas que lle amosaron o seu acordo.

-Vostedes falaron coas outras organizacións para lograr o seu respaldo?

-Si, hai un contacto permanente entre as catro confederacións e hai unha visión común de que pode ser unha figura de consenso.

-Cre que é a persoa idónea para superar o pulso norte-sur?

-Si, digamos que é un xesto en diagonal para evitar a conflitividade que poida existir norte-sur, que se vexa que é de unidade e apoiado a iniciativa da CEL.

-Como definiría a Vieites?

-O máis importante é que xa demostrou ao longo de anos experiencia na xestión de conflitos no ámbito pesqueiro, no extractivo, na conserva. Logrou levar adiante a Anfaco con moito éxito, foi quen de xestionar os recursos públicos e os privados en comuñón para o Centro tecnolóxico da conserva e coñezo a súa capacidade nas relacións internacionais. O seu contacto co Reino Unido é moi importante neste período. Para Lugo, cremos que sería un bo presidente, recoñecemos a súa labor como xestor e empresario.