Estíbaliz Veiga: «Os rapaces ensínanme a ter ilusión a pesares de vivir unha pandemia»
![Yolanda García Ramos](https://img.lavdg.com/sc/XriJusxXFq7Kj-x8OQJL_K8q0jE=/75x75/perfiles/124/1424967600529_thumb.jpg)
A MARIÑA
![](https://img.lavdg.com/sc/Vb7MpjVwxfkeJHguDkSSb6KhIwE=/480x/2020/12/17/00121608240181863934882/Foto/XD18C12F3_222231.jpg)
A actriz barreirense dirixiu un documental cos seus alumnos de teatro, froito do confinamento, "De portas a dentro", que se preestrea este venres en Santiago
18 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.En «De portas a dentro», a barreirense Estíbaliz Veiga probou a pisar o terreo do guion e da dirección. A satisfacción foi plena. Ante a preestrea dun documental froito da corentena, hoxe na Cidade da Cultura ás 11.30 en Santiago, a actriz agradece tanto a Política Lingüística (Valentín García Gomez) como a Igualdade o apoio a «este proxecto en lingua galega, feito con once rapaces de diferentes puntos de Galicia en plena pandemia e coas súas familias correspondentes», nais e algún pai que foron «unha parte emocionalmente moi implicada». Nun momento tan complicado para a cultura, suliña, toca «botarse para diante, mirar á fronte, respectar a situación, ter moito sentidiño, pensar que ten solución e arranxo e aprender do vivido». Dedica este traballo especial «aos nosos avós e avoas que son as nosas estreliñas», di lembrando especialmente ao seu.
![](https://img.lavdg.com/sc/oAkrkAd7PB4ESvvDBcTzXWUXOcg=/480x/2020/12/17/00121608240241623906240/Foto/XD18C12F3_222257.jpg)
-Como e cando xurdiu todo?
-Na miña primeira semana de confinamento. Aos rapaces doulles clase todos os martes ás sete e todos os anos facemos unha montaxe teatral. Estabamos montando A ratoeira de Agatha Christie; como non sabía como ía ser [a pandemia] propúxenlles traballar cada semana e vernos na plataforma Zoom para comentar os traballos feitos de ficción, pero tamén a realidade que estabamos vivindo. Fun grabando, coma un caderno de bitácora para nós.
-Cal foi a resposta ao reto?
-Os papás, todos de cabeza comigo. Tamén llo comentei a Miriam Devesa, directora de produción, coa que teño unha relación de amizade dende Os mortos van á présa, que rodamos xuntas en Rinlo. Cóntolle o que fago cos meus rapaces de teatro: Shakespeare, Castelao, Ricardo Carvalho Calero, Rosalía de Castro, tertulias acerca da situación política no norte de Europa, a pandemia no mundo, os animais que saían ás rúas, a cultura como ben de primeira necesidade, a igualdade de xénero, o respecto ás plataformas LGTB... Traballamos moitas temáticas sociais según o texto ou proxecto audiovisual que estiveramos lendo ou vendo, ou mesmo a prensa, analizando as portadas da pandemia que nos cedeu La Voz de Galicia. Despois dese proceso no confinamento, saímos á rúa e nos desprazamos eu, Miriam Devesa e Patricia Alonso (Voz Audiovisual) preto das casas dos rapaces, para entrevistar a unha enfermeira de urxencias do Chuac, unha bibliotecaria que atendía a avós, unha profesora de literatura e lingua galega e unha abogada que leva a adopción de nenos no Leste de Europa. As entrevistas son sustancialmente potentísimas pero os protagonistas son, den dúbida, os 11 rapaces. Con algún levo 12 ou 13 anos... Eles xa son parte da miña familia, dentro dun proxecto que levo a cabo en Katarsis School. Danme ganas de chorar cada vez que falo deles porque son ‘nove meses de unión e cordón umbilical’ con eles, ainda que teñen as súas marabillosas familias. Ensináronme a ver a luz ao final do túnel, que os adolescentes si son comprometidos, traballadores, respetuosos, xente que merece moito a pena e vai facer deste país un lugar mellor (...) Teño confianza no futuro. Día a día, ensínanme a ter ilusión e ganas, a pesares de vivir unha pandemia e estar pechados na casa.
-Tamén hai que aprender deles...
-Si. Os rapaces tamén teñen que aprender das artes. Estamos nun momento en que os profesionais vemos que non se lle dá na pedagoxía o valor que teñen o teatro, a música, o cine, a literatura... Penso que hai unha necesidade xa universal, mundial!
-Unha crise coma a pandemia foi unha oportunidade neste traballo.
-Hai unha frase moi boa: «As pequenas revolucións xorden nos calexóns sen saída». Eu quero amosar un mundo e que a arte, o teatro neste caso, axuda a construír mellores persoas. E que os adolescentes de Galicia son un pilar moi básico na futura sociedade e están medrando en moi boa saúde, no que eu coñezo.
Aparte, Estíbaliz Veiga representará o vindeiro día 27 en Burela a función "Malas palabras".