O GALP homenaxeará ás mulleres do mar da Mariña e Ortegal o día 16

s. c. VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Una de las mariscadoras de la cofradía de O Vicedo, extrayendo ostra en la desembocadura del río Sor,  en imagen de archivo
Una de las mariscadoras de la cofradía de O Vicedo, extrayendo ostra en la desembocadura del río Sor, en imagen de archivo XAIME RAMALLAL

Este acto de recoñecemento terá lugar na Confraría de Celeiro ás 18 horas

12 dic 2020 . Actualizado a las 20:42 h.

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal rendirá homenaxe ás mulleres do sector pesqueiro de toda esta zona norte o vindeiro día 16, mércores, en Celeiro (na sede da confraría ás seis da tarde). Un merecido recoñecemento ao seu labor ao longo de moitos anos ata hoxe.

«O 16 de decembro celebramos o final do proxecto Mulleres da Mariña: memoria colectiva e identidade, que aposta pola dinamización e recoñecemento das mulleres do sector do mar neste territorio», explican desde o GALP.

E precisamente desde o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro convidan a asistir ao acto no que se fará un recoñecemento ás mulleres do sector pesqueiro. «Despois das conversas coas mulleres do mar de Burela, Cariño, O Barqueiro, O Vicedo, Celeiro e Cedeira, da Mariña e do Ortegal en definitiva, é o momento de compartir as conclusións entorno á memoria colectiva que fomos desenvolvendo ao longo destes meses», señalan.

Despois dunha benvida institucional ao acto, as mulleres establecerán unha conversa ao redor dos murais elaborados coas súas fotografías, que den conta dos avances acadados, dos fitos e das mulleres referentes do territorio, e tamén dos retos a conseguir nos vindeiros anos.

O acto será tamén unha oportunidade para fortalecer a relación entre mulleres redeiras e mariscadoras dos territorios que abrangue o GALP da Mariña e Ortegal, que comparten inquedanzas, sentires e lembranzas en canto as súas profesións.

Finalmente, recoñecerase a labor dos colectivos participantes no proxecto. O acto terá lugar na Confraría de Celeiro, entre as 18.00 e as 19.30 horas. No desenvolvemento do mesmo cumpriremos coas medidas de seguridade

derivadas da situación sanitaria.

Para asistir, dende o GALP recomendan consultar o aforo dispoñible coa asistencia técnica do proxecto, no teléfono 627 096 062 ou no correo electrónico ana.gonzalez@cidadania.coop.

É, en definitiva, tal como salientan desde o GALP A Mariña-Ortegal, «un recoñecemento ás mulleres do mar», que non están moi acostumadas a que se vexa recoñecido o seu labor.

Haberá que cumplir, como insisten desde o GALP, co protocolo covid e coas medidas de prevención e seguridade.