Xacio Baño, director de cine de Xove: «Hai que ollar con ollos limpos de onde eres e poñelo en valor»

Yolanda García Ramos
yolanda garcia XOVE/LA VOZ

A MARIÑA

Marcos Pereiro Sánchez

O cineasta compite con «Augas abisais» no Festival Internacional de Cine de Xixón

25 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

É inevitable. O «que tal estás?» do inicio da conversa leva a falar do covid-19 e a continuación a preguntarlle cómo vive esta crise o sector cultural ao que el pertence. Xacio Baño, director de cine de Xove, responde: «O sector cultural está complicado. Eu non me queixo porque son perseverante. Teño máis medo ao seguinte ano, e ao seguinte. Agora, o Goberno está soltando cartos, porque senón párase todo e todos estamos, máis ou menos, cubertos. Pero si que creo que, dentro de dous anos, vai ser un golpe máis seco no tema cultural». Lémbrolle a «lousa» nosa de Alcoa tamén. Conta que tivo e tén familia na factoría, un avó xa retirado e un tío no Ere con 59 anos: «Esa si que é gorda para A Mariña. Será un antes e un despois». No 58º Festival Internacional de Cine de Xixón, Baño presenta súa nova curta «Augas abisais», con apoio do Concello xovense e con esceas do seu Xove natal, ideada a raíz do seu descubrimento dunhas cartas dun tío de súa avoa, Casto Balsa Fernández, cando con 17 anos xa tivera que marchar para a guerra.

—A nós tócanos esta pandemia pero os nosos antepasados ainda o tiveron menos fácil ca nós.

—Nós temolo moi fácil. É así, pero temos que cambiar a perspectiva para velo, con outros ollos. Somos unha xeneración, unha parte do mundo privilexiada, a todos os niveis. Temos que ser conscientes diso. Meu avó sempre fala da posguerra, de pasar fame, do papel hixiénico... Por aí, esta pandemia resitúanos no contexto da evolución, que somos seres vivos e que non é tan doado todo. Tennos que axudar a entender e primordiar o tempo que temos, e disfrutalo. Eu síntoo especialmente. Aínda que non vivo en Xove, levo moito tempo se poder ir. Todo isto é para valorar os tempos que pasamos coa familia e cos que queres. Ten ese punto, de sentarse, reflexionar e colocarse de novo no taboleiro.

—E rebuscar... ata atopar esas cartas do tío da avoa.

—Son cartas dun tío bisavó, Casto Balsa Fernández, tío de miña avoa materna. Eu ía moito a buscar polos faiados e atopar cousas, os pequenos tesouros que hai nas casas. Un día, atopei nun baúl cartas dun home do cal eu case non escoitara nada. Con 17 anos, foi obrigado a ir á Guerra Civil e morreu aos 15 días de acabar. Esas cartas falaban dende o primeiro día de instrucción no cuartel de San Fernando, como tiña medo, se despedía de seus pais e lle dicía ‘paga a quen teñas que pagar para non ir á guerra’... Xa dende Teruel, as cartas eran dun soldado valente e instruído, que non lle tiña medo a nada e para quen ‘os outros’ eran os enimigos. Pareceume moi magnético para contar nunha película esa evolución e confrontala coa memoria oral, porque as cartas son un documento e unha proba pero tamén está o relato oral da miña avoa, hiperbólico, con mentiras, olvidos, esquecementos que forman a figura dun heroe que non é tal. Gústame a confrontación da fábula coa realidade.

—E Xove, de novo, a súa orixe, está entre as esceas da rodaxe.

—Como artista, é necesario, sentarse, mirar, argallar, darlle voltas e saber de onde é. Para falar do outro, un ten que ter o valor de falar dun mesmo. Gústame contar historias como a deste soldado que é unha persoa que tivo a mala sorte de non ser ninguén, e dedicar o meu tempo a pequenas historias ou descartes. Cada un de nós, antes de pretender ser do Real Madrid, é mellor pretender ser do que nos rodea e dárlle importancia; sería un mundo máis plural e vivo. Tocoume nacer en Xove, como me puido tocar calquer sitio do mundo. Penso que hai que ollar con ollos limpos de onde eres e poñelo en valor.

Finalmente, Xacio Baño avanza tres próximos proxectos, que son documentais e longas de ficción.