Clave na economía de Viveiro

María Loureiro ALCALDESA DE VIVEIRO

A MARIÑA

O porto de Celeiro, nunha imaxe de arquivo
O porto de Celeiro, nunha imaxe de arquivo CARLOS FERNANDEZ SOUSA

20 nov 2020 . Actualizado a las 11:18 h.

O sector pesqueiro é un eixe, esencial, estratéxico e fundamental. O noso porto de Celeiro é un dos piares máis significativos e importantes na economía de Viveiro. Referente de Galicia e do Cantábrico por descargas, facturación e polos empregos directos e inducidos que xera, tamén é clave para A Mariña, Lugo e Galicia. Nestes tempos convulsos que nos toca vivir pola pandemia, reforzou o seu valor engadido xogando un papel indispensable como provedor de alimentos.

Séculos de historia acreditan á pesca de Celeiro. O seu presente e o futuro que ten por diante determinárono a Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo e a empresa Puerto de Celeiro. Coordinándose, coa sociedade de armadores ao timón, puxeron os piares da nova lonxa e das novas instalacións. Consolidaron a competitividade de Celeiro cun conxunto de empresas que traballan para mellorar en todos os eidos. Xeran arredor unha morea de empregos directos e indirectos, pois por cada embarcado no mar asócianse entre catro e seis postos en terra.

Todo ese entramado de empresas e o esforzo de tripulantes, armadores, persoal da lonxa, distribuidores, transportistas e peixeiros asentan a Celeiro no mercado global da pesca. Desde Viveiro saen prestixiosos produtos do mar frescos cara o resto da provincia, de Galicia e de importantes mercados nacionais, como Mercamadrid.

De sobra coñecido, non está demais lembrar que o produto estrela na lonxa viveirense de Celeiro é a merluza do pincho. Un peixe fresco acreditado por distincións a nivel galego, nacional e internacional. Por exemplo, Galicia Calidade, Premio Alimentos de España ou a certificación Friend of the Sea. Mais son os consumidores e os restauradores os mellores embaixadores dun produto de referencia nos mercados e nas mesas.

Así e todo, acadar eses resultados ten aínda máis mérito polas problemáticas da pesca. Agora, descartes, cotas do 2021, o brexit... Segue pendente a falta de relevo xeracional, tanto de mandos como de mariñeiros... Pinceladas das inquedanzas dun sector estratéxico no que as Administracións deben defender os intereses colectivos.

En clave local, tal e como levamos no noso programa de goberno en resposta ás demandas do sector, Viveiro precisa xa dunha escola para impartir cursos básicos e avanzados, así como dun ciclo medio de formación profesional de ponte e máquinas. Evitarían longos desprazamentos aos profesionais e facilitarían incorporarse á pesca aos que queiran, o relevo xeneracional.

No Concello de Viveiro seguiremos colaborando e apoiando á pesca e a Puerto de Celeiro. Por exemplo, nas xornadas técnicas, que este ano non se poden celebrar polo covid-19 e cumprirían 25 anos sendo referente nacional e internacional. Ademais, cooperamos na promoción da merluza de Celeiro en feiras como Expoxantar Ourense, Semana Verde de Galicia en Silleda ou Fitur en Madrid, e tamén contribuimos á Festa da Merluza de Celeiro, de Interese Turístico Galego.

María Loureiro é a alcaldesa de Viveiro.