Viveiro poñerá o foco sobre a violencia de xénero cunha marcha silenciosa o día 25

Lucía Rey
Lucía Rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

A alcaldesa, María Loureiro, e a edila Lara Fernández, este martes na Casa do Concello
A alcaldesa, María Loureiro, e a edila Lara Fernández, este martes na Casa do Concello Pepa Losada

Tamén asinará un convenio coa asociación Clásicas y Modernas para fomentar desde a Biblioteca Municipal a igualdade entre homes e mulleres 

18 nov 2020 . Actualizado a las 11:48 h.

Como «unha lacra da que non nos damos liberado» define a concelleira de Cultura e Muller de Viveiro, Lara Fernández Fernández-Noriega, a violencia de xénero. De aí que, pese ás limitacións da pandemia do coronavirus, o 25 de novembro terá lugar o Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller. O Concello de Viveiro desenvolverá distintas iniciativas vía telemática das que fará partícipes, entre outros, ás comunidades educativas. Ademais, este venres, 20 de novembro, terá lugar unha firma virtual dun convenio coa Asociación Clásicas y Modernas, por la igualdad de género en la cultura, a través do que a Biblioteca Municipal se comprometerá a fomentar a igualdade entre homes e mulleres con iniciativas como mercar «cultura feita en feminino». Ese día, ás 18.30 horas, no Teatro Pastor Díaz, Vero Rilo ofrecerá Contacontos en Igualdade (reservan no 982 560 162, e o aforo é limitado). Tamén se inaugurará na biblioteca un vinilo de David Catá para dar inicio ao proxecto «Viveiro de igual a igual», subvencionado polo Pacto de Estado. O día 24, ás 12 horas, na Praza da Habana inaugurarase un Banco Rojo contra a violencia, e o 25, ás 12 horas, na Praza Maior, haberá unha concentración silenciosa en negro con espazos delimitados para previr contaxios de covid-19.