«O comportamento dos nenos é exemplar, os adultos debemos aprender deles»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Dolores Fernández sinala que o curso está indo «moito mellor» do que se cría ao principio
Dolores Fernández sinala que o curso está indo «moito mellor» do que se cría ao principio Xaime Ramallal

A directora do CEIP Plurilingüe de Covas, Dolores Fernández, destaca o ben que se adaptaron os pequenos a levar  mascarilla, e a manter a distancia social e a hixiene de mans na escola

14 nov 2020 . Actualizado a las 21:18 h.

«Intentar facelo de mellor maneira posible e dar tranquilidade» á comunidade educativa no seu conxunto foi a meta que se marcou Dolores Fernández, directora do CEIP Plurilingüe de Covas, cando lle comunicaron o primeiro positivo por coronavirus dun alumno. Días despois saltaron o doutro alumno e o dun mestre. «O primeiro caso foi un impacto. Como que estás algo tenso porque, aínda que na teoría tes todo, na práctica non sabes ben como actuar, pero despois como que xa foi máis livián, e grazas a Deus os casos que houbo foron na mesma aula, na mesma mesa, e non saíu de aí», explica a docente.

Afortunadamente, desta volta os contaxios non foron a máis. «Foi un brote familiar que acabou chegando ao cole, non que xurdira nel, e o feito de que non se espallase dáche algo máis de tranquilidade. Ves que, polo menos, todo o esforzo que estamos facendo vale de algo», comenta.

-Que medidas teñen en marcha para previr contaxios de covid-19?

-As tres cousas básicas: mascarilla, hixiene de mans e distancia social. Intentamos que os nenos leven a mascarilla ben posta, pero case non temos que incidir niso porque o fan moi ben. O comportamento dos nenos desde o inicio de curso é exemplar. Se os adultos copiáramos un pouco, ao mellor nos iría mellor.

-Como fan para manter, por exemplo, o magosto ou o Samaín?

-Coa celebración de festas seguimos, pero sempre en grupos separados que non se poden mesturar. Intentamos hixienizar o máximo posible e en cada aula hai un esprai e un xel hidroalcohólico. Os nenos estano facendo moi ben, aguantan coa mascarilla, van polo chan mirando as frechas, non pasan das liñas... Empezamos con moito medo, pero está indo todo moito mellor do que pensábamos. Tamén nos aumentaron as horas de limpeza, e nun cole coma o noso iso nótase.