Batuko Tabanka recollerá este venres en Lugo o Premio Mestras da Memoria da AELG

Á gala ten previsto asistir o embaixador de Cabo Verde en España, Ney Cardoso

Mulleres caboverdianas de Burela formaron Batuko Tabanka a finais do século XX
Mulleres caboverdianas de Burela formaron Batuko Tabanka a finais do século XX

burela / la voz

«Estou moi contenta, moi feliz. Hai tanta xente á que nos gustaría agradecerlle o que nos leva axudado, que é para contar ata mañá e non parar. Por moito que diga, non hai palabras. Sempre fixen todo o que puiden facer pola cultura, máis non parei de traballar. Todo o mundo nos axuda moito». Con esta emoción fala Antonina Semedo sobre o Premio Mestras da Memoria que recibirá esta tarde en Lugo (18.00 horas, Sala de Exposicións da Deputación) a asociación burelense Batuko Tabanka de mans da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). O colectivo recoñece o extraordinario labor dun grupo integrado por 12 mulleres nacidas en Cabo Verde, pero residentes na súa maioría en Burela, que revive coas súas músicas, as súas cancións e os seus bailes «a memoria das súas orixes que recuperaron entre nós, na terra á que se viron forzadas a migrar por necesidades económicas».

«A única pena que teño é que polo coronavirus non poidamos ir todos a Lugo, toda a xente de Burela, recoller este premio que é un recoñecemento de todos», subliñou a activista social, que encabezará a delegación de trinta persoas da Mariña que viaxará esta tarde a Lugo para asistir a unha na que tamén confirmou a súa presenza o embaixador de Cabo Verde en España, Ney Cardoso.

Antonina recorda todas as actuacións que levan feito en centros de ensino, en festas, en actos oficiais..., e tamén en cidades como León, Zaragoza, Madrid, Cádiz ou Pontevedra, entre outras moitas. «O máis grande foi saír de Cabo Verde como inmigrantes e volver como artistas. Iso é para non esquecer na vida», recoñeceu.

 

Un premio global

Bernardo Penabade, profesor do IES Perdouro e estreito colaborador da comunidade caboverdiana, subliña que, aínda que as Batuko Tabanka -podería traducirse como «entroido de tambores»- xa foron obxecto doutras atencións de institucións públicas e privadas, trátase «do primeiro gran premio global que reciben da sociedade galega, a través dos escritores». En opinión do docente, desde a AELG «non puideron escoller mellor momento», porque coincide coas catro décadas de presenza na Mariña de xente de Cabo Verde. Os primeiros chegaron para construír a fábrica de aluminio de San Cibrao, e logo pasaron ao mar. «Por un lado premiaron a este colectivo por ser mulleres, por ser emprendedoras e por facer inclusión aquí preservando as súas tradicións. A preservación da súa memoria, a súa fidelidade ás orixes, é un grande activo para a súa inclusión aquí», expón o impulsor do chamado Modelo Burela, unha estratexia educativa que trata de fomentar a integración real dos rapaces caboverdianos que chegan. Penabade sostén que a AEL «foi a primeira entidade que soubo ver» ese valor de Batuko Tabanka; máis no ano das Letras Galegas dedicadas a Ricardo Carvalho Calero. «Este premio tamén é un estímulo, un alento, para seguir reivindicando a Medalla Castelao», conclúe Penabade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Batuko Tabanka recollerá este venres en Lugo o Premio Mestras da Memoria da AELG