«Okupación» de casas

Óscar Rodríguez

A MARIÑA

En primeira fila, os concelleiros do PP nun pleno da corporación viveirense, con Óscar Rodríguez á dereita
En primeira fila, os concelleiros do PP nun pleno da corporación viveirense, con Óscar Rodríguez á dereita PEPA LOSADA

13 oct 2020 . Actualizado a las 17:54 h.

Como saben os veciños de Viveiro, en ocasións que considero especiais diríxome a eles mediante un artigo de opinión. É o que fago hoxe porque creo que a ocasión merece que diga o que penso sobre o comportamento do grupo de goberno do Concello, e sinaladamente da alcaldesa, María Loureiro (PSOE), que na pasada sesión plenaria dixeron non á proposta que presentamos os concelleiros do PP para demandar unha lei que axude a poñer freo á okupación (permitídeme que o escriba así) de vivendas e facilite a súa recuperación polos seus lexítimos propietarios.

Como dicía, o pasado martes, no pleno, o grupo municipal do PP, do que son portavoz defendeu unha moción para que a corporación apoiase a solicitude dunha lei orgánica que recolla a defensa da propiedade privada e a loita contra a okupación de vivendas. Esta proposición introduce medidas como que a autoridade pública e os seus axentes poidan desaloxar as vivendas ilegalmente ocupadas (okupadas) nun prazo de doce horas, sen necesidade de esperar a trámites que duran meses. Considera nula a inscrición no padrón municipal cando a persoa rexistrada é un okupa, axiliza o proceso para xulgar este tipo de delincuencia e establece novas penas para quen fomente a okupación ilegal, e, se estas persoas son responsables políticos, inclúe inhabilitación de 15 anos.

Ademais, esta proposición de lei reforza os medios de que dispoñen as comunidades de propietarios para combater a okupación e as negativas consecuencias que ten para a convivencia e a seguridade dos veciños, que poderán adoptar medidas preventivas. Pois ben, isto que á maioría dos mortais nos parece lóxico, foi votado en contra pola alcaldesa, amparándose en argumentos nada consistentes, cando non disparatados. Non sabendo que dicir, díxonos a alcaldesa que esta é unha moción política; pois claro que é política, nin que nós estiveramos aquí para xogar ao tute. Outra máis destas foi o que dixo de que se está magnificando a situación nos medios de comunicación e non é para tanto. E eu quero preguntar: entón, que é o que pretende, minimizar a situación, restarlle importancia? Outra máis: di que hai mafias do lado dos okupas e do outro lado; postas así as cousas, non sei eu se intenta xustificar algúns comportamentos, ou a onde pretende chegar. Total, un cúmulo de despropósitos.

Todos temos recoñecido o dereito a unha vivenda digna, pero tamén temos o dereito a defender a nosa propiedade. A okupación (ocupación ilegal) é un problema de todas as clases e de forma importante para a clase media e traballadora; senón se lle pon freo irá a máis e o problema pode chegar a nosa zona. O que nos gustaría saber é como vai explicar o seu voto neste asunto diante dos seus votantes, que, como calquera veciño, están preocupados porque saben que poden chegar a súa casa e atopala okupada.

* Óscar Rodríguez, portavoz do PP de Viveiro