«Unha persoa pode ter gripe e covid-19 ao mesmo tempo. Hai que vacinarse»

Son poboación diana as mulleres que acaban de dar a luz e os prematuros


redacción / la voz

A subdirectora de enfermaría da área sanitaria de A Mariña, Lugo e Monforte de Lemos e responsable da campaña de vacinación da gripe resposta dúbidas sobre a inxección en tempos de covid-19.

-Por que hai que vacinarse?

-A gripe é unha enfermidade transmisible, pero altamente previsible. Por iso é moi importante a vacinación e ten aínda máis relevancia este ano, no contexto da pandemia de coronavirus.

-Poden coincidir covid e gripe?

-Poden coincidir as dúas infeccións, polo que deben estar vacinadas as persoas máis vulnerables e as de risco para reducir na medida do posible a carga da enfermidade.

-Cales son as novidades deste ano?

-Este ano tamén forman parte da poboación diana da campaña as mulleres que deron a luz nos seis últimos meses sempre que non se vacinaran no embarazo e os nenos de seis meses a dous anos que naceran de xeito prematuro, é dicir, con menos de 32 semanas de xestación.

-É posible que se colapsen os hospitais ou centros?

-O problema é para as persoas máis vulnerables que polo seu estado de saúde e patoloxías teñen máis probabilidades de contaxiarse e neles as complicacións serían moi graves. Ademais, si, poderían colapsarse os centros sanitarios.

-É recomendable que se vacine a xente que xa tivo coronavirus?

-Si, non ten que ver unha cousa ca outra. Se son persoas que forman parte do grupo de risco, deben vacinarse.

-Cal será a cobertura?

-O ano pasado acadamos unha cobertura de vacinación do 64 %, unha das máis altas de Galicia, pero este ano o obxectivo é chegar ata o 75 %. No 2019 subministramos 86.082 doses de vacina na provincia.

-Os sanitarios deben vacinarse.

-É moi importante insistir en que os profesionais sanitarios debemos vacinarnos. Primeiro, por responsabilidade nosa porque debemos crear unha inmunización primeiro individual para protexer aos pacientes vulnerables e ás súas familias, para cortar así as cadeas de transmisión. Por iso a campaña para nós comeza antes que para a poboación xeral, que á súa vez, este ano tamén se fai antes.

-O uso de máscara pode reducir a incidencia do covid-19?

-Pode ser, posto que tamén se transmite pola respiración. Aínda así non se debe baixar a garda.

-A carga da campaña é para as enfermeiras.

-Enfermaría nos centros de saúde ten unha labor moi importante de educación sanitaria e concienciación ao instar aos pacientes que están nos grupos de risco a vacinarse. Ademais, vanse mandar cartas a todas as asociacións de pacientes crónicos da provincia recordándolles que deben vacinarse. Na terceira semana da campaña faranse chamadas telefónicas a persoas que aínda non puxesen a vacina.

-A vacinarse si, pero con cita.

-Este ano con motivo da pandemia temos que cumprir algunhas medidas de distanciamento. Máis que nunca é necesario pedir cita telefónica. Creáronse unhas axendas específicas para a citación da gripe que están abertas dende o día seis. Na provincia hai 148 puntos de vacinación.

Persoas de máis de 60 anos e persoal sanitario

A poboación diana da campaña á que se lle oferta gratuitamente a vacina son persoas de 60 ou máis anos ou as que convivan en institucións pechadas como son as residencias de maiores, así como os menores de 60 con risco de complicacións derivadas da gripe. Forman parte do grupo de risco as persoas que poden transmitir a enfermidade a outras que teñen alto risco de complicacións, como é o caso de persoal sanitario ou traballadores de farmacias. É recomendable que se vacinen os traballadores expostos a aves ou porcos en granxas ou explotacións e tamén ás aves. Por primeira vez, este ano hai unha vacina tetravalente de alta carga.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Unha persoa pode ter gripe e covid-19 ao mesmo tempo. Hai que vacinarse»