Alfredo Llano trata de resolver o problema do gran consumo de auga para a planta norueguesa de salmóns

La Voz BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

29 sep 2020 . Actualizado a las 21:13 h.

Alfredo Llano e Teresa Gutiérrez, alcalde de Burela e directora de Augas de Galicia respectivamente, falaron onte sobre a empresa norueguesa de produción de salmón, que está interesada en montar unha planta en Burela.

Llano lembrou que a intención desta empresa é producir tres millóns de quilos de salmón ao ano:

«Estiven preguntando sobre a capacidade de consumo que temos Cervo e Burela para darnos conta do que esixe a empresa para poder levar adiante esta produción, que necesita unha cantidade de auga importante», explicaba o rexedor.

«En principio -indicaba Llano- ten pensado aproveitar a auga do mar, procedendo a súa desalinización, e o abastecemento de auga doce xa se vería cal podería ser a mellor fórmula. Evidentemente coa capacidade que esixe vai ser moi difícil que se poida abastecer co noso caudal, pero miraríamos a ver como podemos facer para que non quede desabastecida, porque hai a intención unánime tanto de Portos como de Costas, como de Augas de Galicia como do Concello de Burela de que se poida favorecer a instalación dunha empresa deste tipo no noso concello. Iso o primeiro».

O alcalde dixo tamén que a de onte «foi unha reunión moi interesante, estaban ademais da directora de Augas de Galicia, os técnicos, os arquitectos e os enxeñeiros de Augas».

Alfredo Llano tamén falou con Teresa Gutiérrez da nova estación depuradora para Burela, que contemplará abastecemento para 16.000-20.000 habitantes. Abordaron igualmente o sistema de compartir auga con Cervo; neste senso manterán en breve unha reunión en Cervo para tratar con maior detalle esta cuestión.

O alcalde burelés tamén mantivo onte unha reunión con representantes de Portos; falaron da nova estrada do acceso ao porto, que está a funcionar «moi ben», apuntou, «e a xestión das rotondas». Portos tamén prevé a dragaxe e a ampliación de prazas no porto de Burela.