Demetrio Salgueiro, alcalde de Xove: «Sería un fracaso como país que, co Goberno e a Xunta involucrados, esteamos agora en mans de Alcoa»

l.r. XOVE / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

28 sep 2020 . Actualizado a las 21:06 h.

Co corazón en Nigrán, apoiando ao comité de Alcoa, viviu a xornada deste luns o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, que a media tarde conservaba a esperanza de que o proceso de venda chegase a bo porto. «Se as posturas están distantes, o que ten que facer o Goberno é tratar de achegar esas posturas ás demandas de Alcoa e cubrir a diferenza da oferta de Liberty co que pide Alcoa, ou tratar de chegar a un acordo para a venda á SEPI por parte de Alcoa. Creo que iso é fundamental, porque o aluminio é estratéxico para o país e España non se pode permitir que peche esta fábrica», apuntaba a esa hora. «Están de acordo as Administracións, están en xogo moitos postos de traballo e as vidas de moitas familias, e eu creo que hai que tratar por todos os medios de chegar a un acordo. Non se pode deixar que unha multinacional decida o futuro dunha comarca e a vida de tantas familias e que a única solución sexa o peche da planta. Por iso creo que aínda que haxa que facer un esforzo económico hai que chegar a un acordo», engadía.

«Sería un fracaso como país que, unha vez que as administracións, tanto o Goberno do Estado como a Xunta, se involucran para buscar unha solución, agora esteamos en mans do que decide unha empresa privada. Que as vidas de tantas familias estean nas mans dunha empresa privada, e que o Goberno non teña unha solución para sacar isto adiante. Sería incomprensible unha vez que se chegou a este punto. O Estado ten que seguir adiante e buscar unha solución», concluíu.