A Mariña: «Nas auxiliares temos esperanza e daremos a batalla que sexa necesaria dar»
O emprego duns 450 traballadores de subcontratas continúa no aire
cervo / la voz
Sobre as cinco e media da tarde de onte, a punto de acabar o primeiro receso da reunión que arrincou en Nigrán sobre a unha convocada por Alcoa para negociar un ERE ou un ERTE e que se preveía maratoniana, igual que a do 4 de agosto en Lugo, o representante da coordinadora das empresas auxiliares de Alcoa, Kike Rocha, amosouse esperanzado. «Os ánimos están ben desde a esperanza que nos dá o feito de ter do noso lado á sociedade, aos gobernos da Xunta e do Estado, a todos os grupos políticos, a todos sindicatos..., só temos en fronte a unha multinacional sen escrúpulos coas dificultades que iso ten, pero é un poderío moi grande o que está do noso lado. Como din os arxentinos, temos chanza de poder gañar. Agarrámonos a iso e daremos a batalla que sexa necesaria dar», explicou Rocha, voceiro dos ao redor de 450 traballadores de 20 industrias auxiliares da fábrica de San Cibrao. El, que participa nas reunións con Alcoa como asesor da CIG, explicou que a folga indefinida que arrincou a semana pasada segue adiante. «Volveremos actuar nos próximos días ou mañá mesmo [por hoy] se fose necesario», dixo. E destacou que nas auxiliares teñen «a mesma preocupación que os compañeiros de Alcoa».