Ana Pontón envía senllas cartas a Sánchez e a Feijóo «para intentar salvar unha fábrica clave» para Galicia

La Voz

A MARIÑA

Sandra Alonso

«Estamos nun tempo de desconto para salvar Alcoa-San Cibrao a través dunha solución legal e viable que o BNG puxo sobre a mesa desde o primeiro minuto: intervención pública do Estado e da Xunta para nacionalizar a factoría garantindo produción e emprego e o futuro da Mariña», expresa Pontón

28 sep 2020 . Actualizado a las 20:46 h.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, enviou onte senllas cartas aos presidentes do Goberno e da Xunta, Pedro Sánchez e Núñez Feijóo respectivamente, «para intentar salvar unha fábrica clave» para Galicia.

«Estamos nun tempo de desconto para salvar Alcoa-San Cibrao a través dunha solución legal e viable que o BNG puxo sobre a mesa desde o primeiro minuto: intervención pública do Estado e da Xunta para nacionalizar a factoría garantindo produción e emprego e o futuro da Mariña», expresa Pontón.

«Sánchez e Feixóo deben sentarse hoxe mesmo para concretar os termos desa nacionalización así como as aportacións que vai facer cada quen. Desde o BNG levamos meses dicindo que esta era a solución, Xunta e Goberno central apostaron por outra vía, que agora vemos que non dá froitos, e polo tanto tócalle a Sánchez e a Feixóo, man a man, mover ficha e sen perder nin un minuto máis, ofrecer unha proposta de intervención pública para salvar os case mil empregos directos e buscar unha vía de futuro», demandou a portavoz nacional do BNG.

«É unha proposta legal e viable, -alegou-, que xa teñen posto en práctica países como Alemaña ou Portugal e que nada impide que se faga tamén en San Cibrao, se hai vontade política. Por que a señora Merkel en Alemaña, líder dun goberno de dereitas, pode nacionalizar Lufthansa por considerala estratéxica e en España o que presume de ser un goberno progresista non pode facer o mesmo con Alcoa sendo clave para Galiza e a única fábrica de aluminio primario do Estado?», pregunta.

«Se a factoría estivese localizada en Madrid -engade Ana Pontón- xa habería sobre a mesa unha proposta de nacionalización, pero parece que para os partidos estatais os problemas de Galiza non contan, que deixen de buscar escusas e se poñan a traballar. Desde o BNG imos dar a batalla para que se adopte esa solución que é legal, posible e viable».

«Hai recursos para facer esa intervención tendo en conta o fondo covid europeo con 140.000 millóns de euros. Sería de delito que habendo unha solución e coa crise na que estamos inmersos Estado e Xunta permitiran que se perda emprego industrial, que deixaran caer Alcoa na Mariña cando o que necesitamos é xusto o contrario. A solución existe, só hai que ter vontade política para levala a cabo», manifestou.

Ana Pontón fixo un recoñecemento expreso aos traballadores e traballadores e ao conxunto da sociedade da Mariña en defensa da continuidade da produción e do emprego, «cunha mobilización exemplar e desde a unidade, a mesma unidade que se reclama ao Goberno e á Xunta para levar adiante esa necesaria intervención pública seguindo o exemplo de Italia no caso de Alcoa en Cerdeña, na que o goberno adquiriu a factoría para vendela pero mantendo unha participación pública».