Manifesto polo futuro da fábrica de aluminio en San Cibrao, na Mariña

Lido por Rita Morrigan na manifestación nocturna do pasado venres en Mondoñedo


Escoitade a Voz de Paula, a campá máis grande da catedral de Mondoñedo. Contan que antigamente as súas badaladas da Paula alertaban á guarnición de soldados da cidade cando había algunha incursión inimiga na costa. Hoxe berrou a Paula e convocou a este exército na praza da catedral. Polo tanto, ha de haber inimigos na costa. E hainos, e traían intención de pechar a fábrica, apagar as cubas, e deixar que A Mariña agonizara ata transformarse noutra aldea abandonada.

Boas noites, Mondoñedo! Os soldados do aluminio saudámoste e honrámoste, como a provincia que fuches. Nos petos traemos unha presa da sagrada terra dos dezaseis municipios da comarca, para vertela sobre a tumba do grande home: don Manuel Leiras Pulpeiro, quen se cadra nos contempla con orgullo dende o cemiterio vello, á beira de Cunqueiro.

Que pensará o mestre Cunqueiro da nosa concentración? Talvez en como describiría o susto do pequeno Felipe ao vernos chegar a Esmelle; ou na brillante solución que daría Merlín ao problema destes guerreiros. Pode que na maneira de facernos entrar na Terra de Miranda, atravesando a tenebrosa carballeira de Mourás coas nosas espadas de luz, na procura da axuda do vello mago para salvar A Mariña. Ou na voz que lle había poñer ao noso capitán cando lle dixera a Merlín: Poña a ferver a pota de mandrágoras, señor mago, porque imos precisar de toda a súa apócema para gañar esta guerra.

Cando me propuxeron falarvos hoxe, pensei en aproveitar a plataforma para pedirlle ao presidente do goberno que salvara a Mariña, pero recordei que iso xa o fixo Dani dende a súa canle de Youtube. Tamén pensei en dirixirme aos gobernos para que nos declararan oficialmente sector estratéxico, recordarlles os millóns de euros que van mandar de Europa, e o seu deber de mirar pola industria. Pero iso tamén o fixo Antón Losada na primeira marcha nocturna en San Cibrao, aquel 20 de xuño en que iluminamos por primeira vez esta longa noite de pedra da historia obreira da Mariña.

Entón lembrei o esquecemento ao que teñen sometido a comarca tódalas administracións: as empresas que morreron; o tren que perdeu os pasaxeiros ou os pasaxeiros que perderon o tren; a área sanitaria que silenciosamente se esfumou entre a néboa do Fiouco. Recordarnos que somos a única provincia costeira sen Autoridade Portuaria propia, e que tódolos ingresos que deixa o porto de Alúmina van para Ferrol. Pero isto tamén o lembraron Pepa Losada e Xabier Lombardero no manifesto da marcha Polo Futuro da Mariña en Burela.

Mirando atrás, doume conta de todo canto levamos feito: a grande manifestación de Avilés, a da Coruña despois, as grandes concentracións en Xove, San Cibrao, a primeira sorpresa de Viveiro, Foz, e Burela; daquela cando acompañábamos lealmente a Alcoa nos reclamos de abaratamento da enerxía.

Posteriormente Lugo, A Coruña, e viaxe a Madrid, onde o berro «Enerxía Solución» estremeceu aos mesmísimos leóns do Congreso. A volta á Coruña o 11 de marzo, e a chegada do confinamento. A declaración de sector esencial; e a traizón de Alcoa na madrugada do 27 de maio, cando filtrou que nos pechaba.

A Mariña alzouse en loita e tinguiuse de azul. E entón si, Galicia e España descubriron que Lugo tiña costa. Arderon as rúas ateigadas de xente na marcha de Xove, os históricos 20.000 de Viveiro, os 18.000 de Foz, os 15.000 de San Cibrao, e os miles de Lugo, Santiago e A Coruña. O parón xeral da Mariña durante a caravana do 28 de xuño. A folga indefinida a partir do 21 de xullo coas noites e os días no campamento da fábrica. O encerro do Comité na Delegación Provincial para conseguir unha reunión. E o sangue no combate de agosto nos Robles, onde tivo lugar unha xesta propia das mellores epopeas. Canto esforzo!. Canto levamos pelexado polo noso pan e pola nosa terra!

Hoxe vestinme coa última chaqueta que Inespal lle deu a meu pai antes de que a comprara Alcoa. Está nova porque non lle deu tempo a estreala, e porque estaba reservada para outra batalla. Son filla do aluminio, coma moitos milleiros máis espallados polo mundo. Pero eu tiven a sorte de poder quedar na Mariña. Meu pai entrou na empresa Entrecanales y Távora e axudou a construír Electrólises no ano 79, para despois incorporarse ao cadro de persoal en Fundición. Cobraba daquela 30.000 pesetas; moito menos das 100.000 que lle daban por un bo mes no mar. Pero quedou na fábrica porque atopou algo que valía máis cás pesetas: estabilidade salarial, seguridade laboral, e volver á casa cada día con miña nai e comigo. A fábrica tróuxonos dereitos, seguridade, e servizos. E iso é o que seguimos querendo para a Mariña.

Levo o pasado da fábrica sobre o meu corazón, neste símbolo de INESPAL, xunto á emoción que me produce saber todo o que nos deu. E aquí, na miña cabeza, levo o símbolo do noso futuro con Liberty. Pase o que pase, cómprenos ou non, debemos lembrar sempre que a fábrica é nosa, gañámola con sangue e esforzo. Estamos na obriga de protexela; esixirlles aos gobernos que velen polos nosos intereses e que cumpran o prometido. Porque dentro dun ano, dous, e dez, seguiremos a ser esenciais e estratéxicos.

A cincuenta quilómetros de aquí latexan 480 cubas que son o corazón da Mariña. Seguiremos pelexando para protexer ese lume perpetuo que lle dá vida á nosa Comarca.

Sempre.

AS CUBAS NON SE PARAN!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Manifesto polo futuro da fábrica de aluminio en San Cibrao, na Mariña