Non me fago responsábel


Chegado este momento, como mestre en activo con máis de 30 anos de experiencia no traballo con menores, por respecto á miña profesión, ao ensino público e ás nenas e nenos, manifesto o meu total compromiso coa escola e coa comunidade educativa garantindo todo o meu esforzo e empeño nas propostas a desenvolver polo equipo de traballo ao que pertenzo.

Non obstante, unha vez lidas as Instruccións publicadas no portal da Consellaría de Educación o 31 de agosto de adaptación ao contexto COVID-19 para o inicio do curso 2020/21 e, logo do desamparo sufrido dende a declaración do estado de alarma aló polo 13 de marzo e o desconcerto xerado polas decisións (ou mellor, ausencia delas) das autoridades galegas con competencias en materia educativa dende esa data, quero facer público que non me fago responsábel:

- de asumir nin desempeñar ningunha función do ámbito da saúde que exceda as miñas competencias e capacidades profesionais no vindeiro curso escolar (e sucesivos) por carecer dos coñecementos e da formación necesaria no eido sanitario.

- de calquera actuación non explicitada claramente e amparada no ordenamento legal que regula as miñas funcións como mestre (educativas e administrativas, se procede) alén da obriga de socorro e salvagarda da integridade física dos e das menores ao meu cargo.

- da seguridade sanitaria do alumnado do centro no que traballo tendo en conta que tanto o protocolo publicado pola Consellaría de Educación o 22 de xullo de 2020 como as anteditas instrucións do 31 de agosto entran en contradición flagrante coas medidas unanimemente recoñecida polas institucións e organizacións científicas e sanitarias de ámbito global: distancia, protección e hixiene; xa que non se reducen as ratios de alumnado, non se aumentan as plantillas de persoal (contra o que di a propaganda da Xunta de Galicia), non se implementan os medios materiais nin os recursos, non se contemplan intervencións nos edificios para adaptar as infraestruturas existentes e non se facilitan indicacións relativas á tipoloxía, características e condicións de uso dos medios de protección que se deben utilizar nos centros de ensino.

- de garantir o dereito á educación e a igualdade de oportunidades recoñecidos pola Declaración Universal de Dereitos Humanos e a Declaración Universal de Dereitos da Infancia, xa que non mudou a situación dende o estado de alarma na que a desigualdade na cobertura dixital do territorio (cando non carencia -zonas brancas-) e as limitacións dos medios tecnolóxicos dispoñibeis dificultaron grandemente o desenvolvemento “normal” das propostas educativas. Eu tamén fun vítima das deficiencias nas insfraestruturas dixitais véndome na obriga de solucionalo pola miña conta.

- de desenvolver como se debe o meu traballo xa que as instrucións en relación ás medidas que se deben adoptar para o curso 2020/21 que regulan a planificación e organización das actividades escolares publicáronse o 31 de xullo polo que, o período para a proposta e elaboración de programacións e plans de traballo, formación de equipos docentes e a coordinación na toma de decisións queda limitado aos primeiros días de setembro; tempo totalmente insuficiente debido á excepcionalidade da situación que obriga a contemplar tres posibeis escenarios: actividades presenciais, semipresenciais ou a distancia.

- de “garantir unha formación integral que contribúa ao pleno desenvolvemento da súa personalidade e de preparalos/as para cursar con aproveitamento a educación secundaria obrigatoria”, tal e como se recolle no artigo 2.1 do decreto 105/2014, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, xa que non se nos facilitan nin os medios, nin os recursos, nin as adaptacións das instalacións precisas para compensar as limitacións e os condicionantes do desenvolvemento normal da vida escolar provocada pola COVID-19.

- de participar en ningunha toma de decisións e actuacións que, por acción ou por omisión, poidan pór en risco a saúde de calquera membro da comunidade educativa do centro ao sobordar o ámbito da miña competencia profesional ou corresponder a outras instancias da administración educativa e/ou sanitaria que, todo sexa dito, nos case seis meses que pasaron dende o 13 de marzo, non foron quen de tomar as decisións e adoptar as medidas oportunas para afrontar a volta ás aulas nas condicións de seguridade sanitaria, laboral e social que se precisan no estado actual da pandemia provocada pola COVID-19.

Para pór en coñecemento de quen corresponda.

Viveiro a 9 de setembro de 2020

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Tags
Comentarios

Non me fago responsábel