Mónica Freire: «É necesario previr os incendios no monte, non centrarse só en apagalos»

andrés vázquez / I. d. VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Mónica Freire e Óliver Laxe, o día da presentación da campaña «O que non arde»
Mónica Freire e Óliver Laxe, o día da presentación da campaña «O que non arde» CEDIDA

A Deputación lanza axudas para os Concellos activos no coidado forestal

09 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Baixo o título de «O que non arde», na honra do filme de Óliver Laxe, que presta a súa imaxe á campaña, a Deputación de Lugo presentou este martes un programa de axudas que premiará aos concellos que traballen activamente no coidado dos seus montes cumprindo coa Lei de Incendios. A súa impulsora, a deputada do BNG Mónica Freire Rancaño, busca encher o «burato económico» que, segundo expón, sofren os concellos da provincia (e de toda Galicia) ao traspasarlles a Xunta as competencias de vixilancia sobre o cumprimento da Lei de Incendios «sen habilitar para eles medios nin recursos para executalas».

«Existe unha gran falta de atención por parte da Xunta, que tomou a vía do mínimo esforzo e deixou sós aos concellos cunha papeleta difícil de xestionar», apunta Freire, encargada na Deputación da área de Medio Rural, Mar e Mocidade. As políticas da Xunta poñen o foco na extinción de incendios, algo moi necesario, pero esta proposta da Deputación tenta encher o «burato económico» e «axudar aos concellos a previr os lumes».

Sobre o terreo

Para logralo, o programa vai dispoñer de 60.000 euros para repartir entre os concellos que cumpran coa normativa, que a Xunta deseñou pero que «non fixo nada polo seu cumprimento máis que cargarlle o morto aos concellos». Dende a Deputación, polo tanto, buscarán asinar convenios interadministrativos colaborativos, que os concellos poderán solicitar ata o 31 de agosto.

As axudas que a área de Medio Rural da Deputación pon sobre a mesa están supeditadas, na práctica, a que as administracións locais cumpran co establecido pola Lei de Incendios de Galicia no relativo ás redes de faixas e de xestión de biomasa. É dicir, a prevención dos incendios mantendo ao día a roza das masas forestais, matogueiras e outras formacións espontáneas, así como dos laterais das estradas da rede viaria municipal. Iso por un lado, porque polo outro, a Deputación, a través de Freire, fai fincapé na correcta xestión da biomasa, «fomentando a adquisición de especies arbóreas autóctonas, que en moitas ocasións poden chegar a actuar como cortalumes naturais».

A Deputación terá en conta para dar as súas axudas, ademais, o correcto coidado dos terreos privados, que tamén deben estar controlados dende as administracións municipais. «Moitos concellos só interveñen en terreo privado cando un propietario denuncia ao outro, algo que non serve para acceder a este plan, o concello debe mostrarse activo».

Freire pensa que se require ata certa «pedagoxía» cos propietarios, pois «hoxe calquera entende a Lei de Costas, máis desta pásase». É por iso que esta campaña tamén terá en conta que os concellos traballen na busca desa «concienciación» que requiren moitos propietarios.

Os concellos deciden

A deputada é ademais concelleira en Ribadeo, municipio que apostou moito polo cumplimento destas normas. Foi a corporación municipal quen decidiu como realizar as xestións para constituir un monte seguro.

Deste xeito, serán os propios concellos os que tomen as decisións, dende Lugo só «creamos un marco xeral de axudas para que logo os concellos decidan que é o que precisan en función do seu contexto e necesidades».

Sinala que «un monte activo non arde» e ve á Xunta «sen ningún interese polo rural»

«A Xunta non se subiu ao tren de Europa ao deixar pasar os fondos do Plan de Desenvolvemento Rural da Unión Europea e non aproveitarse dos seus beneficios». Isto, segundo Mónica Freire, a reponsable da Área de Medio Rural e Mocidade da Deputación de Lugo, é realmente prexudicial para o avance do rural galego, que se ve «esquecido» por unha Xunta que non aposta «por un rural activo, deixando escapar a súa poboación e propiciando o despoboamento».

A deputada atopa moi importante ter o monte «ordenado e coidado» para poder ter un sector primario potente. Agumenta que, cando se vive no rural, «o monte non arde como está ardendo ultimamente, pois a veciñanza cóidao e trabállao». Estase a desaproveitar o potencial económico e natural galego, segundo opina, ao faltar «vontade política» para que a poboación rural poida ter oportunidades de futuro na súa terra. Denuncia Freire «unha mensaxe vacía por parte de Feijoo, que se enche a boca co Galicia, Galicia, Galicia pero logo, se se mira a letra pequena, non fai nada».

Óliver Laxe como exemplo

Ao mudarse á súa vila natal, Vilela, en Navia de Suarna, o cineasta Óliver Laxe representa segundo Freire «o exemplo de que a vida no rural é posible hoxe en día». Laxe, unha persoa nova e con presencia no mundo do audiovisual, demostra que dende o rural tamén se pode traballar.

Dá imaxe a esta campaña, ademais de polo seu espíritu, pola súa película «O que arde», protagonizada por Benedicta Sánchez e de título similar ao plan da Deputación, «O que non arde», que rende homenaxe a este filme. Non é casualidade, polo tanto, que a cinta basee a súa historia nun incendio forestal dun monte galego.