«A novela fai do lector un detective»

andrés vázquez / M. C. VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Tony Cazás presenta «El verdugo de las almas perdidas», unha novela negra que toma a Galicia dos anos 50 como escenario das investigacións do comisario Negreira

04 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Un home con sete novelas escritas e cun caixón ata os topes de letras que están esperando a súa quenda para catar por fin as lámpadas dos máis variados lectores. Ese é Tony (Antonio) Cazás Fernández, alguén que vale para todo dentro do esixente mundo das artes. Compuxo poemas e cancións, que tamén chegou a interpretar e musicalizar, escribiu contos e novelas e ata tivo tempo para a pintura, pero hoxe a súa perspectiva cambiou: «Hai tempo diría que era máis músico de blues ca escritor, pero hoxe digo que son máis escritor que músico de blues».

Cazás, feitas as presentacións, saca do seu caixón e publica con Terra Ignota a súa última novela, que leva por título El verdugo de las almas perdidas, e que ten entre a portada e o punto final nada menos que tres anos de dedicación: «É unha novela negra, ambientada na Galicia dos anos 50, cunha historia fácil de ler e que engancha». A obra conta a historia do comisario Negreira, que trae con el todo un universo complexo, con personaxes e retos en forma de investigacións de todo tipo, que de seguro «atraerán ao lector». Tony Cazás non é quen de comparalo con ningún outro protagonista do xénero dos crimes, e iso que as críticas que recibiu sitúan ao seu comisario como alguén con madeira de mito, «que non lle ten que envexar nada a ningún dos grandes».

«Os editores, cando falamos sobre a novela, dixéronme que xa estaban cansos de tanto Londres, tanta Nova York... E esta xa non é que non estea ambientada en Madrid ou en Barcelona: é que se sitúa na Galicia dos anos 50, representando aquel mundo tal e como era», conta Cazás sobre o seu libro. Moitos sentirán identificación con todo aquilo, algo que aínda vive na retina de moitos galegos e galegas.

Xa co libro aberto

Nese contexto agroman os casos, tamén o que leva por título a obra, El verdugo de las almas perdidas, encargado de ser o fío condutor do resto da historia. Deste xeito, «aparecen operacións reais, que tras investigar conseguín descubrir, e que pola miña experiencia vital coñezo», segundo di o autor. Sen ir máis lonxe, ben adaptado e cambiando certos detalles, aparece o caso dun asasinato dun xornalista de Viveiro, nunha pequena homenaxe do autor á súa vila.

«Cando a lin, unha vez rematada... Quedei sorprendido, dixen: “pero eu escribín isto?”». A sensación non puido ser mellor para Tony Cazás, que tamén se encheu de boas críticas por parte dalgúns amigos escritores, definidores da obra como «atractiva, rápida e, ante todo, que engancha», porque, e agora fala Cazás: «A novela converterá ao lector en detective, da man do comisario Negreira, que lle vai deixando pistas para que siga o fío». Historias reais ou ficticias, sempre verosímiles e sempre dende a óptica galega. Sempre dende aquí.