Só esta pandemia puido coa procesión marítima que Celeiro celebra dende 1951

As festas tamén se suspenderon en 1961, pola devastadora galerna

A primeira procesión marítima en Celeiro,en 1951, cos barcos vapores saudando a chegada da Virxe do Carme ao porto, un ano no que estaba en construcción o peirao novo
A primeira procesión marítima en Celeiro,en 1951, cos barcos vapores saudando a chegada da Virxe do Carme ao porto, un ano no que estaba en construcción o peirao novo

Do verán 2020 hai, entre outras, unha lembranza inesquecible coa que vai coincidir a memoria colectiva do planeta: suspender ou adiar eventos e todo tipo de celebracións que supuxesen aglomeracións de xente.

Como en practicamente todas as poboacións, e con moi sensato criterio, a Comisión de festas de Celeiro anunciou con máis dun mes de antelación que cancelaba o programa de festexos que estarían celebrándose este fin de semana, as Patronais e do Mar, incluindo nos actos anulados, loxicamente, a procesión marítima. Este arraigo cultural das vilas mariñeiras víñase mantendo no porto celeirés dende 1951, cando por primeira vez a frota, en procesión pola ría de Viveiro, acompañou a imaxe da Virxe do Carme. Portaba a santa unha traiñeira a motor, a Marina nº 2, do armador Benigno Pino Gómez.

A única vez que se suspenderon as festas patronais de San Iago e Santa Ana foi en 1961, cando o 12 de xullo unha devastadora galerna sacudira toda a cornixa cantábrica, tamén a galega, deixando un ronsel de oitenta e tres náufragos afogados, trinta deles, mariñeiros de Celeiro. Solidarios coa catástrofe humana dos veciños, Viveiro tamén cancelaría os seus festexos de verán. Cun pobo consternado e coa alma en vilo non quedaba corpo para verbenas.

Abonda unha ollada ás estadísticas rexistradas en Portos de Galicia para darnos conta das consecuencias económicas que derivaron do desastre da galerna. Na evolución da pesca en Celeiro 1961 constan 2.709.233 quilos de capturas que facturaron 23.351.386 pesetas; un ano despois, asentan 2.346.562 quilos por 37.556.886 ptas. Paradoxicamente, 362 quilos menos supuxeron 14 millóns de pesetas máis: o prezo das vidas humanas pasaron factura tamén na rula.

Bendición de barcos despois da procesión marítima de Celeiro, no ano 1969
Bendición de barcos despois da procesión marítima de Celeiro, no ano 1969

No aspecto social, ademais da traxedia padecida, Celeiro sufriu unha estampida de pescadores que embarcaron na aventura da mercante ou da emigración; en frías cifras, no prazo dun lustro, sesenta e oito homes despoboaron a parroquia!

Pero daquela a festividade na honra á Patroa dos mariñeiros adiantábase a primeiros de xuño para teren os barcos arranchados e zarpar ao remate das festas á costeira do bonito. De aí que a veciñanza celeiresa celebrase en 1961ese día, con procesión marítima incluida, portando a imaxe o Hermanos Manzano, do armador Hilario Pino Sánchez.

Agora, cun atípico e inimaxinable ano, por acomodo de programa, conmemórase o 26 de xullo a festividade do Carme coincidindo no mesmo día de Santa Ana, copatroa da parroquia; a xente do mar presente, cos ausentes ao costado, entre o fervor e a inquedanza, pregaralle como antigamente: «Nosa Señora Santa Ana / axuda aos mariñeiros / a pasar a barra».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Só esta pandemia puido coa procesión marítima que Celeiro celebra dende 1951