Un Día de Galicia distinto pola ameaza de peche de Alcoa e o covid

s. corral SAN CIBRAO / LA VOZ

A MARIÑA

Tamén o 25 de xullo, as familias seguen a acompañar aos traballadores de Alcoa San Cibrao en folga
Tamén o 25 de xullo, as familias seguen a acompañar aos traballadores de Alcoa San Cibrao en folga PEPA LOSADA

Os traballadores agradecen ós hosteleiros a súa colaboración durante a folga

26 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte foi 25 de xullo, día do Santiago Apóstolo, Día de Galicia. Onte sería xornada de festa en media Galicia, tamén en Celeiro, as festas do mar, e en Sargadelos e en tantas outras vilas e localidades da Mariña e da comunicade se non fose polo covid-19 e por esta situación sanitaria excepcional. O de onte foi un día especial, atípico (aínda que o son case todos neste momento) para os traballadores de Alcoa e das empresas auxiliares, que permanecen en folga indefinida e que reciben a diario o apoio das súas familias diante da fábrica.

Esta situación de incerteza continuará ata o 4 de agosto, cando finalizará a prórroga pactada coa empresa, Alcoa, para negociar o ERE. Todos confían en que nestes 9 días o Goberno «mova ficha», resolva a partida e presente ese proxecto industrial que di ter cun inversor interesado en comprar a fábrica. Non vai ser fácil, Alcoa quere pechar; condiciona unha posible venta -na que non ten demasiado interés- a hibernar previamente todas as cubas de electrolise.

A ver que pasa mañá, luns, na reunión da mesa multilateral convocada para as 19 horas polo Ministerio de Industria con Alcoa, coa Xunta e cos sindicatos. Ata agora nas convocatorias anteriores non pasou nada. Pero o comité confía en que desta volta a convocatoria resolva algo.

Aquí, agora, o papel das Administracións vai ser fundamental. Teñen nas súas mans unha solución que veñen demandando os traballadores: ou un socio inversor interesado na compra ou intervención pública. A terceira opción é o peche. Non hai máis. Os traballadores agradecían onte a colaboración dos hosteleiros nesta folga indefinida.