Na escola aprendimos da necesidade durante o confinamento

Mestres e pais caímos na conta de que os alumnos precisan unha certa autonomía na viaxe a adultos

Mestre no colexio de Galdo (na imaxe de arquivo), o autor analiza as leccións da pandemia para o ensino
Mestre no colexio de Galdo (na imaxe de arquivo), o autor analiza as leccións da pandemia para o ensino

Si ben é certo que para levar a cabo a «instrucción» (que foi o obxecto primeiro do nacemento da escola) só é preciso alguén que queira aprender algo e alguén que estea disposto a axudarlle a acadar esa aprendizaxe, tamén o é que, xa desde comezos do século pasado, moitos Movementos de Renovación Pedagóxica foron poñendo de manifesto a necesidade de ter en conta á persoa en todos os seus aspectos e ampliar ese concepto ao de «educación».

Tal vez un dos aspectos máis importantes a mudar que propoñen é o papel do docente que pasaría de ser o centro do proceso de ensino-aprendizaxe a servir de apoio e guía ao alumno que pasa a ser o protagonista dese proceso e adquire capacidades a partir da interacción coa realidade e cos iguais. A imaxe do alumno «recipiente» que teríamos que encher contrasta coa de asimilación e acomodación que entende que hai que ter en conta as situacións previas e as actitudes de cadaquén en relación as novas aprendizaxes.

A maneira de comunicarnos

As consideracións anteditas tal vez nos axuden a entender como un virus, que nos obrigou a pecharnos nas casas ao longo de tres meses na primavera do 2020, foi quen de poñer de manifesto a necesidade do cambio metodolóxico que entendo precisa a escola.

O primeiro ao que nos obrigou foi a cambiar a maneira de comunicarnos cos nosos alumnos e as súas familias, foi preciso coñecer ferramentas de comunicación non usadas antes, tanto sincrónicas como asincrónicas (mensaxerías, videoconferencias, chats, foros...), a maioría moito máis usuais para os alumnos que para os profes e ás que eles axiña se acomodaron.

Tamén foi preciso darlle unha volta ás actividades que propoñíamos e con elas ás programacións. A casa tivo que pasar a ser o «laboratorio» ou «obradoiro» no que o mestre podía propoñer actividades que necesariamente precisaban da autonomía do alumno e do acompañamento efectivo dos pais, nais, irmáns, avós...

«Fartos de deberes»

Nunha enquisa que se fixo aos alumnos de tres zonas distintas do mundo ao pouco tempo de comezar o confinamento, púxose de manifesto a inutilidade das actividades tradicionais «traspasadas» de medio. Decían que estaban «fartos de deberes».

Analizando esa mesma enquisa, o pedagogo italiano F. Tonucci considera que se malinterpretou a resposta que deron de que «botaban de menos á escola», indicando que os alumnos daban esa resposta porque o que botaban de menos da escola eran os amigos e, cómo o único sitio que deixamos aos rapaces para ter amigos é a escola, de ahí a resposta. Por tanto o que puxo á vista foi a necesidade de compartir outros espacios e tempos, amáis da escola, cos iguais, así como ter en conta que a escola é tal vez o principal lugar de socialización.

A implicación de pais e nais

O que poñen como positivo é que «pasan máis tempo cos pais e nais». Precisamente a importancia da implicación de pais e nais en colaboración cos mestres, e tendo en conta de verdade aos alumnos, foi tal vez do mais importante que aprendimos todos.

Mostrou, tamén, o confinamento a importancia das mal chamadas «marías»: Educación Física, Artística, Música... e o papel de «medio» que tiveron as TICs e non de fin en sí mesmas que se lles daba na escola. Eso sí, o que deixou patente foron as deficiencias que en materia de conectividade temos casi todos e nalgúns casos a ausencia total. É probable que, en non moito tempo, pase a ser un ben de primeira necesidade, si non o é xa.

Reinventarnos

Os mestres tivemos que reinventarnos, darnos conta de que non sirve «sempre se fixo así», que se precisa un cámbio metodolóxico de maneira urxente, que non sirve que cada quen considere a «súa» asignatura a máis importante do mundo, que é preciso coordinarnos, aprender a traballar de xeito cooperativo e dándolle aos rapaces o protagonismo que precisan, que se pode. Que os rapaces aprenden do que facemos e non do que decimos, que as novas tecnoloxías viñeron para quedarse e que debemos usalas como medio e non como fin.

Os pais conviviron de perto coa educación dos fillos, foron quen de experimentar en propias carnes aquelo que antes vivían só os rapaces e de apreciar os esforzos que lles leva.

Autonomía na viaxe a adultos

Ámbolos dous, mestres e pais, caímos na conta de que os rapaces precisan unha certa autonomía na súa viaxe ao adulto que queren ser, que nada mellor para cumprir normas que participar na súa elaboración e consensualas, e que casi sempre é máis importante unha mirada, un aloumiño ou unha aperta que a maioría dos medios materiais que poidamos poñerlles diante ou prometerlles. Ogallá apliquemos o aprendido.

José Rodríguez Costa é mestre no CEIP de Galdo, Viveiro.

Newsletter Educación

Recibe todas las semanas la información más relevante sobre educación

Votación
7 votos
Comentarios

Na escola aprendimos da necesidade durante o confinamento