Sobre a industria na Mariña, as eleccións autonómicas e unha manifestación

Francisco Cajoto ALCALDE DE FOZ E PRESIDENTE DA MANCOMUNIDADE DE CONCELLOS DA MARIÑA.

A MARIÑA

Pepa Losada

22 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai cuestións moi delicadas sobre as que resulta complicado opinar, non por falta de valentía ou de convición no que se expón, senón porque a crítica destrutiva ou mal intencionada poden retorcer o que se declara ou, neste caso, se escribe.

Partimos dunha situación catastrófica para a Mariña no seu conxunto: a posibilidade de que a fábrica de alúmina-aluminio de San Cibrao peche e dous mil postos de empregos directos -e varios miles de indirectos- desaparezan. O problema non é o feito en si, senón as consecuencias: un golpe durísimo para tantas familias da Mariña que dependen dos ingresos da fábrica, un cadro de persoal renovado e con proxectos de futuro baseados nos ingresos estables da fábrica.

No outro lado está Alcoa, multinacional americana que segue a máis elemental das lóxicas empresariais. Se algo quedou demostrado nestes últimos meses é que a estratexia -a nivel mundial, non o esquezamos- da firma de Pittsburgh pasa por esquecerse de San Cibrao. Nesta sorte de xeopolítica empresarial e cun mercado concentrado nuns poucos produtores, no que os beneficios parten non só de controlar os custos de fabricación senón tamén os prezos de venta, é fundamental o traballo dos Gobernos central e autonómico para buscar unha alternativa empresarial. Unha nova marca á que lle sexa rendible e atractiva, coas condicións axeitadas, a produción de aluminio na Mariña.

Onde están os focos? Onde o ruído? Cal é o futuro da nosa comarca? Este luns día 22 as principais federacións sindicais -UGT, CCOO e CIG- promoven unha manifestación en Burela co lema «Futuro para A Mariña». Reclámase non só unha solución para a planta de aluminio, senón un paso máis: a aposta polo futuro industrial da Mariña no seu conxunto -con varios peches nos últimos anos- e o impulso dunhas infraestruturas que levan décadas de retraso.

Demandas

Demandas non xa lóxicas, senón fundamentais, imprescindibles. Inexplicablemente, parece que molesta. As responsabilidades de cadaquen están marcadas polas competencias: do Goberno autonómico é a responsabilidade en materia industrial, en exclusiva, pois así o marca o artigo 30 do Estatuto de Autonomía.

Este venres escoitamos tres novas promesas electorais en materia industrial do candidato do Partido Popular á Xunta de Galicia. Unha delas é un centro de produción de fibra téxtil sostible a partir de celulosa, que segundo o candidato suporá un investimento de 700 millóns de euros, coa creación de 800 postos de traballo.

No norte de Galicia extráese máis do 40 % da madeira de Galicia e entorno ao 25 % da total de España. Producimos materia prima sen valor engadido, os postos de traballo técnicos e cualificados están noutras situacións, lonxe do centro de produción dos nosos montes. De ser unha realidade e non froito dunha promesa electoral máis, non sería entendible unha localización desta fábrica fóra da Mariña. É o momento de proxectos firmes e con futuro, lonxe de fracasos tan sonados como os barcos de Pemex, a zona franca de Vigo ou o parón da industria eólica, de gran potencial en Galicia.

Precisamos dunha verdadeira autovía que nos vertebre xa que o Cantábrico non pasa por Vilalba. Xa é hora de que realmente se aposte pola Mariña e polo noso futuro: eu irei á manifestación deste luns en Burela.