«Sería unha catástrofe para A Mariña que pechase a fábrica»

La Voz P. LOSADA / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Fernando López Pedre, prexubilado, despois de 40 anos na factoría de San Cibrao

15 jun 2020 . Actualizado a las 17:45 h.

Fernando López Pedre leva 40 anos traballando na fábrica, dende 1979. Tamén foi dos primeiros. Empezou en fundición, como ben lembra, en 1979, e despois pasou a Alúmina en 1980.

«A nivel laboral estou prexubilado, aínda que estou coa compensación e acabo en febreiro do 2021», explica.

«Pasei máis tempo na fábrica que na miña casa. Vin nacer aquilo e non me gustaría agora velo morrer. Foi unha parte importantísima da miña vida», di sentindo as palabras e a situación difícil, crítica, pola que pasa agora a fábrica de aluminio. El, coma os dous anteriores testemuños, de Corbelle e de Juan del Río, foi dos pioneiros.

«Creo que sería unha catástrofe para a comarca da Mariña que pechase a fábrica», lamenta coincidido coa práctica maioría.

«Coñecín esta comarca sen a fábrica, antes da construción de Alúmina Aluminio, e non me gustaría volver a ese tempo pasado sen futuro económico», di.

A media de idade na fábrica e relativamente nova, unha idade media, e moitos deses traballadores berran agora polo traballo no complexo, por un futuro sen ter que emigrar, que é ao que abocaría a moitos o peche da fábrica de aluminio.

Quedan días difíciles, de pelexa pola fábrica; todos din que ten futuro, que é eficiente.