José María Vázquez: «Este ano vén forte coa velutina»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Jose Manuel Vázquez
Jose Manuel Vázquez CEDIDA

«Levo 49 días seguidos sen parar e sacando cinco ou seis niños diarios», di o experto

01 jun 2020 . Actualizado a las 20:11 h.

Na caza e captura da avespa velutina na Mariña José María Vázquez, propietario da empresa Serpa, pode ser xa dende hai anos un dos inimigos número un do insecto do que talvez se falou menos nesta tempada con respecto a outras polo monotema covid-19. Pero aí segue, con e sen coronavirus. O confinamento xeral, un inverno con temperaturas suaves e a proliferación de insectos ao baixar a contaminación ambiental e o alimento da velutina formaron, segundo afirma o especialista, un caldo de cultivo favorable para o crecemento e o espallamento da praga da especie asiática este ano. Factores que fan que agora se observe un repunte «fóra do común», sostén, detectando á vez un «novo» achado cando realiza os trampeos: «Nun niño atopei avespas que segundo os científicos eran supostas raíñas. Non todo o que se colle grande son raíñas, só un 20 %. Tamén hai avespas zanganeiras con capacidade de posta que tiñan que estar mortas pero aguantaron vivas. Hai moito máis do normal».

-O confinamento, logo, é unha das claves do aumento.

-Ao estarmos confinados algunha xente non se preocupou dos labores das casas, de rozar, e ao notar esa tranquilidade as velutinas achegáronse ás vivendas. Atopamos moitos niños nas casas.

-Dende cando levan a cabo o trampeo da velutina?

-Nós fomos os pioneiros do trampeo provisional, pois comezamos polo 2016. A idea de poñer trampas para coller raíñas foi iniciativa nosa dende o principio.

-Detectar que algunhas raíñas podan ser avespas con capacidade de posta en que afecta?

-Simplemente lle fan como un apoio á raíña. Afecta en que todo o que se di de «collín 25.000 raíñas»... e quizais non todas van ser raíñas. O que vai afectar á poboación é o confinamento e a falta de preocupación por poñer a trampiña na horta. Nós incluso regalamos trampas e asesoramos a quen nos preguntou, e puxemos máis das contratadas en todos os concellos, porque a idea era protexer zonas habitadas, e logo atacamos os puntos conflitivos. Antes do coronavirus fun varias veces aos concellos a propoñer o trampeo. Duns non tiven resposta, con outros estou traballando e doutros a resposta foi negativa. Tamén son cousas que hai que levar a pleno, e por culpa do virus algúns non o puideron facer. O trampeo son, en total, seis fases.

-Cal é a media de niños recollida?

-Nestas datas, respecto a outros anos, incluso comparándoo co meu traballo, estou sacando cinco ou seis niños diarios, cando o ano pasado sacaba un á semana [...]. Chamaríalle a tormenta perfecta da velutina, incluso a nivel nacional, polos diferentes factores. Tamén vou comentar algo positivo: onde traballamos, as raíñas levaron un achique importante, sobre todo cerca das casas, pois trato de eliminar os niños primarios e cerca da poboación. Sei que nos concellos nos que estamos traballando na Mariña vaise notar. O trampeo funciona, é un tema de seguridade cidadá. Levo 49 días seguidos sen parar de traballar coa protección á xente, poñendo máis trampas das contratadas, e quero que a xente poña trampas para que se autoprotexa. Vai haber niños? Si. E picaduras? Si, pero onde traballamos baixará moito a avespa. Estamos traballando para que non pase nada, porque este ano vén forte coa velutina.