«Hoxe un patrón ten que saber case máis de informática que do seu oficio»

José Pino González, patrón e armador do Pino Ladra, con base en Celeiro, e afeccionado á arqueoloxía dos barcos, defende que hoxe o traballo no mar non é duro, aínda que persiste o estigma

José Pino, na ponte do arrastreiro Pino Ladra, comezou a ir ao mar no verán con 13 ou 14 anos
José Pino, na ponte do arrastreiro Pino Ladra, comezou a ir ao mar no verán con 13 ou 14 anos

viveiro / la voz

Os tempos e a tecnoloxía evolucionaron tanto que foi posible entrevistar vía telefónica a José Pino González cando aínda tiña por diante ao redor dunha hora e varias millas para chegar a terra e desembarcar no porto de Burela o peixe do Pino Ladra, o arrastreiro do día que patronea e do que é armador este viveirense nado en Celeiro no 1962, e que se define como «namorado» do mar, da pesca e dos barcos.

-Pertencendo aos Pino, unha das familias con maior tradición pesqueira en Celeiro, pensou en dedicarse a outro oficio? -Son patrón vocacional. Dedícome á isto porque me gusta, porque me encanta. De feito, levo dous anos xubilado pero cústame moito soltarme de aquí. Xubileime en decembro do 2018, pero xa pillei a alta. Son un choio para a Administración, porque estando xubilado non cobro xubilación e sigo cotizando como un traballador normal sen ningunha axuda! [Sorrí].

-Andou sempre ao arrastre?

-Sempre, sacando un ano que estiven na mercante porque son mariño mercante de formación, uns anos en barcos conxeladores e algunha marea que fixen ao pincho ao Gran Sol no verán.

-Por que ten mala fama o traballo no mar, e mesmo nas familias armadoras escasea o relevo?

-Porque nin soubemos nin nos sabemos vender. A xente ten metido na cabeza o estigma de que o mar é duro, e é certo que o foi, pero nos últimos vinte ou trinta anos cambiou moitísimo. O arrastre do día, por exemplo, hoxe é case un traballo de oficina: de luns a venres, e as fins de semana para a casa. Vexo eu máis á milla muller que amigos que teñen un traballo en terra. Os que veñen gañan cartos, hai máis tempo libre ca nunca e as condicións laborais dos barcos equiparáronse ás de terra. Hoxe pasamos en terra o Nadal, a Semana Santa, as festas da vila e un mes de vacacións. Isto antes era impensable. Hoxe andar de patrón é un bo choio, e non só é un bo choio, senón que pescando está ben pago. E con router a bordo, vía satélite, tarxeta plana, móbil, a TVG na tele... O illamento desapareceu, e podes estar en contacto continuo coa familia, os amigos...

-Con todo, pese a esas «bondades» segue faltando relevo...

-Creo que nos pasa coma aos agricultores. Non nos teriamos que queixar tanto, senón vendernos ben. Outro exemplo: agora a tecnoloxía permíteche saber como está o mar, o tempo..., e se está mal xa non se sae, quedas na casa. Gañouse moito en seguridade. Hoxe un patrón ten que saber case máis de informática que do seu oficio. Máis do 50 % do funcionamento da empresa depende do armador, que ten que comercializar e dirixir o barco ao que queira que pesque repartindo e intercambiando a cota. Nin sequera hai que pelexarse polo sitio, porque antes ninguén sabía onde pescabas, e hoxe desde o móbil vete calquera! Desapareceu parte da épica deste traballo.

«A crise do 2008 case non repercutiu nos barcos: seguiu habendo choio e os soldos non baixaron, e nesta pasará o mesmo»

«Estou acabando unha investigación sobre barcos españois de madeira que traían bacallau fresco de Terranova»

«En Celeiro convives co mar desde que naces, case aprendes a nadar por xeración espontánea, porque te crías nel», explica José Pino, que recorda con cariño as noites que de pícaro pasou con seu pai, que era motorista, coidando os barcos. A súa paixón polo mar e as naves é tal que, ademais de dedicarse a el profesionalmente, destina parte do seu tempo libre á investigación e á arqueoloxía pesqueira desde o punto de vista dos barcos. «Estou acabando unha investigación sobre a presenza en augas de Terranova de parellas españolas de madeira que traían o bacallau fresco, e non salgado. Que logro ir pescar bacallau en barcos de madeira! Tardaban máis en ir e en volver que en cargar, e non foi algo anecdótico. Cando había mal tempo arribabamos a Saint-Pierre-et-Miquelon e xuntábanse 4.000 tripulantes españois!», afirma.

A «alma» do mar son os barcos

En opinión de Pino, o barco é testemuño directo das peixerías, da evolución da construción, «da man» do estaleiro e do armador... «A alma deste traballo son os barcos en si. Vendo un barco descobres todo», sinala, e conclúe: «Hoxe os barcos coidan da saúde, e a pouco que te teñas coidado calquera que chega hoxe á idade de retiro nun barco chega nunhas condicións óptimas».

«Admiro moitísimo á xeración de meu pai e meus tíos: eles sentaron a base do que somos hoxe»

José Pino destaca que a súa é unha xeración «privilexiada». «Veunos todo rodado. Hoxe un patrón sae pescar o que ten que pescar», confesa o capitán celeirense, que continúa: «Admiro profundamente á xeración de meu pai e meus tíos. Á parte de seren emprendedores, sentaron a base do que somos hoxe. Esa xeración, a da posguerra, é a que ten mérito polo que tivo que loitar. Non lles veu nada dado, todos foron inconvenientes».

Con seu bisavó orixinouse a coñecida como casa dos Manzanos, da que proceden parte das familias armadoras de Celeiro. «Antes de 1900, cando naceu meu avó, meu bisavó xa tiña botes cando se pescaba con traíñas, con traiñeiras... Tivo 12 fillos, e todos se dedicaron ao mar. No 1956, meu avó e os irmáns separáronse. Cada un quedou cun barco, e aí arrancan as diferentes familias dos Fernández Pino, os Pino Montero, os Regal Pino, os Pino Ladra...», enumera.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

«Hoxe un patrón ten que saber case máis de informática que do seu oficio»