Amar en tempos de covid. «Por amor al arte»

Estíbaliz Veiga ARRIBA O PANO!

A MARIÑA

20 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de dúas semanas confinada, unha profe de teatro dun grupo de adolescentes galeg@s, eu, vendo que a situación se ía prolongar, decidín propoñerlles unha idea. Facer un diario audiovisual das corentenas de cada familia mesturándoo con exercicios de interpretación e musicais, con charlas con eles e os seus, tratando os temas que saían a diario nos xornais e debatindo sobre todo isto na app Zoom.

Cada núcleo familiar gravaba a súa xornada amosándose tal e como viven, nun contexto urbano uns e outros noutro totalmente rural. As estruturas varían e aínda que son oito as que deciden participar neste proxecto son catro delas as que levan a «voz cantante». Son sempre as nais as que son máis activas tanto nas accións coma nas tertulias e as profesións e circunstancias de cada unha ben diferentes.

Unha avogada de dereitos dos menores e directora dunha axencia de adopción, unha profesora de lingua galega de secundaria, unha enfermeira de urxencias e unha bibliotecaria son as nais que nos acompañan.

Monólogos de Shakespeare, receitas galegas, cortes de pelo caseiros, entrevistas a mascotas, plantar tomates, Rosalía de Castro, titoriais de «como xogar ó Fornite» e moitas outras son as tarefas. As charlas teñen lugar ó final do día e aí vimos temas de actualidade, recomendacións literarias, recordos ós avós, o significado da cultura nun país, etc...

E resulta que isto que estaba facendo de xeito vocacional (son pedagoga teatral pola UDC) a unha amiga productora de cine, Miriam Devesa, lle pareceu unha idea xenial para un documental. «De portas a dentro, o documental» mestura o caderno de bitácora do confinamento das catro familias de adolescentes, de idades comprendidas entre os 12 e 15 anos, en diferentes puntos de Galicia cunha formulación pedagóxica, baseada nos valores do teatro e das artes escénicas. E tan lonxe chegou a nosa idea que o 17 de maio, emiteuse en Sky TV (Italia ) un anaco deste traballo concienzudo no que andamos metidas as familias e cinco mulleres do audiovisual galego. Agardamos que moi pronto o poidamos mostrar aquí, na nosa terra, onde se fixo.