Sonia Hermida, encargada de Almacenes Francisco Hermida en Viveiro: «O noso negocio é grande polo bulto da mercancía, non pola afluenza de xente»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Discrepa de que se «xeneralice» a medida de que locais de máis de 400 metros cadrados non abran ata o 25

08 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Almacenes Francisco Hermida, en Viveiro, máis La Casa Blanca, en Lourenzá, están xestionados pola mesma sociedade, que forman os irmáns Sonia e Francisco Hermida Pérez. Ela encárgase da tenda viveirense e el da laurentina. Dous establecementos mariñáns dedicados á venta de mobles, de más de tres mil e cinco mil metros cadrados respectivamente. Ainda non poden abrir cara ao público por ser grandes superficies. «Non podemos abrir porque a nosa superficie supera os 400 metros. Eses negocios non poden abrir ata a segunda fase, é dicir, ata o 25 de maio», explica.

-Como valoran esta medida que lles afecta en particular?

-Xeneralízase moito. Entendo que en Alcampo e Carrefour se xunte moita xente pero o noso negocio é grande polo bulto da mercancía, non pola afluenza de xente. Xeneralízase tanto que polo oco caemos nós.

-A demora en poder abrir, que problemas lles está a xenerar?

-O atraso que nos xenera é que temos ventas feitas, a mercancía témola no almacén pero temos outro problema a maiores, o feito de que nós non podemos facer montaxes nas casas. É dicir, un fontaneiro pode ir pero eu non podo ir á casa dun cliente. Un fontaneiro pode ir en caso de emerxencia, sen estar de cara ao dono da casa. Digo que ao noso sector en particular afecta moito. Unha porque coa xeneralización dos metros cadrados, non podemos abrir. Tampouco poido acotar unha zona da tenda porque se acoto 400 metros non me da nin para a oficina ou dame para ela e tería que desmontar a tenda e poñer catro cousas ao lado da porta. No noso caso en concreto é inviable. É viable se recapacitan e nos deixan abrir, dependendo do sector no que se traballe. No caso dun concesionario de coches pasa un pouco como nos pasa a nosoutros. Son grandes, a maioría teñen máis de 400 metros... pero eu nunca fun a un concesionario no que me estivera tropezando con clientes que foran por alí.

-De cara á apertura o día 25, como se están a preparar?

-Coma todo o mundo: guantes, mascarillas, xeles hidroalcólicos e punto de entrada onde ter todo iso dispoñible, extremar a limpeza e no caso do reparto, o plantexamento que temos é, en cada reparto, limpar o furgón e as ferramentas que se usen, todas, e respectar o reparto, é dicir, o que se trae para unha casa non levalo para a seguinte.

-Antes se aproveitaba unha mesma viaxe para poder facer varios repartos, en varias casas.

-Iso agora non o vamos poder facer. Ralentízanos moito no que é o traballo en si. Pola perda da tempo, é un quebranto pero un quebranto que hai que asumir pola situación que é. Agora poderiamos repartir pero ponte que chego á porta do domicilio e lle deixo ao dono a mercancía na porta, o mesmo que se lle levo un sobre de 150 gramos. A mecánica é a mesma, sexa para un sofá de dous metros e medio que para levar un paquete pero... quen vai mercar un sofá para que llo deixemos no portal? Ninguén. Por outro lado, hai cousas moi curiosas, non podemos repartir porque somos montadores, sen embargo hai xente que é carpinteiro e está traballando, se supón que é en casas vacías sen o dono alí.

-Como ven o futuro?

-Penso que non vai ser tan malo como parece. Isto non é unha guerra, non é unha ecatombe, o país non está destruido... Ao final hai que ir funcionando, si que caerá moita xente da roda e haberá menos xente traballando pero penso que isto ten que ir normalizando e se ten que ir dando unha solución, terá que aparecer unha vacina ou un antiviral ou o que sexa... que todo isto se ten que normalizar.

«Quen vai mercar un sofá para que llo deixemos no portal? Penso que non o fará ninguén»