Carra: «O menos inxusto é que ascendamos tanto o San Ciprián como o Pontenova»

San Ciprián e Sporting Pontenova igualan a puntos na segunda praza de ascenso a Primeira Galicia, e a Federación debe decidir para quen é


san cibrao / la voz

Cos campionatos máis modestos rematados e a intención federativa de conceder ascensos, pero non descensos, aínda queda unha loita encarnizada entre dous conxuntos mariñáns por unha praza en Primeira Galicia, aínda que a súa resolución xa só está en mans da Federación Galega. San Ciprián e Sporting Pontenova empatan no segundo posto do grupo sexto de Segunda Galicia con 40 puntos; os cervenses impuxéronse con autoridade no único duelo directo (4-0) e os de A Mina teñen dez goles de marxe no golaveraxe xeral.

Nas reunións telemáticas co clubs, a Federación comprometeuse a estudar o caso, aínda que xa adiantou que a resolución máis factible é a que favorece aos pontenovenses. Aínda así o seu técnico, Andrés Bouza, prefire non posicionarse. Si fala Carra, o adestrador do CD San Ciprián, tras unha videoconferencia coa directiva.

-Cal é o criterio para resolver este ascenso?

-O artigo 201 do regulamento da Real Federación Galega de Fútbol di que no caso de empate a puntos se mirará o resultado dos dous enfrontamentos directos e despois a diferenza de goles xeral. A federación de momento non decidiu nada, pero di que, se atenden a esa norma, non se xogaron os dous partidos, así que hai que mirar o golaveraxe de cada equipo.

-E están de acordo?

-Nós entendemos que a fin da norma é premiar ao equipo que foi mellor nos enfrontamentos entre ambos. Pon partidos, en plural, porque a regra pensase para o campionato completo. Unha situación así nunca se contempla. A liga acabou por unha causa de forza maior, non hai outra solución que dala por rematada porque non se pode poñer en risco á xente, pero entendemos que a norma está pensada para que prevaleza o resultado do encontro directo.

-Malia que gañaron 4-0 no duelo directo que se xogou en A Veiga, nun hipotético partido de desempate, calquera vitoria daría vantaxe ao Pontenova na clasificación.

-Loxicamente, nestas categorías non é seguro xogar máis, non se pode celebrar ese partido. O menos inxusto sería que os dous acompañemos ao Alfoz como equipos ascendidos. Ambos fixemos méritos de sobra e non é culpa de ningún de nós que pasase isto e non se poida resolver, hai unha pandemia que é global.

-Pero se soben os dous habería un número de equipos impar en Primeira Galicia...

-Sempre hai posibilidades para reestruturar a liga, e máis cando parece que farán dous grupos. O mesmo pode pasar en Terceira División ao ter que conceder o ascenso ao Estudiantil. Non ten sentido mirar as regras ao dedillo porque esta é unha situación extraordinaria.

-Recorrerán se finalmente quedan sen ascenso?

-Pode ser que presentemos recurso en caso de que nos quedemos fóra do ascenso. É unha posibilidade que non descartamos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Carra: «O menos inxusto é que ascendamos tanto o San Ciprián como o Pontenova»