Domingo González, dono de tres locais de hostalería en Covas: «Non é tanto cando imos abrir senón como»

y. g. VIVEIRO/LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

O tamén presidente da asociación Beiras considera que certas aperturas no sector poden supoñer unha situación «ruinosa» igualmente

02 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Por un lado preside a Asociación Beiras de Covas (Viveiro) con asociados do sector hosteleiro e comercial. Por outro, é dono de tres locais: Temple, Tiki Bar Bora Bora e Punto Galego. A nivel de colectivo, son unhas cuantas as consultas de asociados interesados en saber que medidas adoptar nas súas reaperturas. A nivel particular, sinala que polo de agora non ten pensado reabrir porque non o ve agora viable.

-Hai algunha iniciativa en marcha por parte de Beiras?

-Nada, porque estamos á espera dos tempos que vaia marcando o Goberno para as aperturas. Agora mesmo facer pesquisas sobre datas é complicado.

-Reciben chamadas de asociados con moitas dúbidas, supoño.

-Si, chaman porque queren saber, un medio saca unha cousa, outro medio outra diferente ou en relación ao que di o presidente do Goberno e o que di logo o BOE ves que é diferente ou non é suficientemente claro... A xente ten dúbidas. Non é tanto cando imos abrir senón como.

-Abrir «con pinzas» cre que podería ser un risco profesional?

-É un risco. E aparte, é unha inversión, porque a veces é preferible perder dous mil euros ao mes co local pechado que perder catro mil con el aberto.

-Nunha tenda comentábanme: «É que abrir para vender unha camisa en todo o día...»

-Claro, non ten sentido. Unha tenda ao final xa ten aquela roupa, o stock, alí. Pero moitos bares e restaurantes tivemos que tirar moito material fresco ao pechar, porque ademais cadrou un venres, e o que caducara teño que tiralo. Agora ao volver a abrir tes que volver facer acopio....

-Sen poder facer previsión real.

-Exacto. Que me perdoe o presidente, porque colleron aos mellores asesores médicos cando foi da pandemia pero agora, por exemplo, á hostalería non se dirixiu ninguén, o presidente da Asociación de Empresarios de Hostelería d España sacou un comunicado que eu compartín no meu Facebook dicindo que é triste que está programando unhas aperturas e que non se dirixira á asociación representante da hostalería.

-Como pensa facer no caso dos seus locais de hostalería, como ve a situación futura?

-Os tres, pechados. A situación véxoa ruinosa e moi complicada. A ver que vai pasar tamén cando sexa a incorporación dos locais de ocio nocturno porque ainda non hai data programada para a repartura. Ponte no caso de que se diga ‘cara a Nadal’ e haxa que ter unha serie de epis... Persoalmente, veste tomando un cóctel con guantes de látex e mascarilla coas túas amigas ou parella?

-E a nivel de restauración?

-Entendo que son necesarias as aperturas de restaurantes como os de carretera que dan de comer a un transportista ou comercial, e con medidas. Pero é que os españois concebimos a hostalería como un ocio e esa é un 70%(...) Creo que a xente vaise xuntar nas casas e non vai ir tanto aos bares e restaurantes.

-Podería abrir algunha terraza?

-O Tiki Bar, onde teño unha terraza grande con 16 mesas. Pero abrir con cinco mesas un local de 150 metros cadrados é ruinoso. E se chove, que facemos?