Manuel Blanco: «No Pescados Rubén-Burela temos un proxecto sólido, resistiremos a crise»

A MARIÑA

PRENSA PESCADOS RUBÉN FS

A Federación Española propón anular os descensos, o que mantería ao Burela masculino outra tempada en Primeira

17 abr 2020 . Actualizado a las 20:07 h.

A Federación Española propón para todo o fútbol non profesional e o fútbol sala un final anticipado motivado pola incerta evolución da pandemia de coronavirus. Estudan dar por rematadas as ligas, dando validez aos ascensos pero non aos descensos. Iso mantería un ano máis en Primeira División ao Pescados Rubén-Burela, que era pechacancelas a catro puntos da permanencia cando restaban sete xornadas por xogarse. Fala o presidente da entidade mariñana, Manuel Blanco Fanego (Cervo, 1968), convencido da viabilidade do proxecto laranxa que tivo que recorrer a un ERTE por culpa desta crise.

-Que lle parece a proposta da Federación Española?

-Se non se pode rematar, está claro que o mellor é decidir canto antes para poder preparar ben a campaña que vén. Nós estamos á disposición da Federación para o que sexa.

-Con esta solución, manteríanse outro curso en Primeira.

-Queríamos conseguilo na cancha, e aínda que estaba difícil íamos traballar para logralo. Tíñamos opcións. Hai moita incerteza, non se sabe que pode pasar de agora en diante, se se vai poder xogar ou non, e postos a tomar unha decisión o certo é que non estabamos descendidos nin moito menos, estabamos moi vivos.

-Que lle parecería unha liga de 18 equipos?

-Paréceme perfecto. Para os nosos socios é bo porque disfrutarían de dous partidos máis no Vista Alegre. Con dous equipos máis aumentaría a competitividade, a liga tería máis alicientes.

-Aínda que esta situación é complicada para os clubs. Que secuelas económicas pode deixar esta crise?

-Vai afectar a todos, está claro. Vai ser un golpe duro. Nós temos a gran sorte de contar cun patrocinio forte como o de Pescados Rubén. O noso proxecto é sólido, resistiremos a crise. Pero non hai dúbida de que vai haber un antes e un despois por todo isto, algúns clubs vano pasar moi mal, e se cadra algúns nin poden seguir competindo ao máximo nivel.

-Como vai afectar esta situación ao Burela?

-O ERTE dános algo de aire. Cando poidamos empezar a planificar a nova campaña veremos de que orzamento dispoñemos e a iso nos adecuaremos, como fixemos sempre. Non imos estirar a manta máis do que dea porque senón acabas deixando os pés descubertos.

-Teñen intención, iso si, de resolver os títulos. Tamén os femininos. O Pescados Rubén estaba nas semifinais da Copa da Raíña e clasificado matematicamente para as eliminatorias pola liga.

-Queremos disputar eses títulos e aspirar a volver a gañalos, pero estaremos a expensas do que decida a Federación.

-Ve posible xogalos no verán?

-Eu penso que no verán non se debería. Supoñería retrasar a campaña que vén e ademais a maioría dos contratos rematan o 30 de xuño. Que fas con iso? Un contrato de dous meses non me parece unha opción. Nós prestarémonos ao que digan, colaboraremos coa federación española e a galega en todo o necesario, e cando haxa que retomar as competicións aí estaremos. Pero primeiro hai que ver como vai evolucionando todo isto, que é moi complicado. Non sabes moi ben se pode haber un novo brote, ou que pasa se volve a competición e se contaxian nun equipo.