«O zinc axúdanos a mellorar a nosa resposta fronte ó coronavirus»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Noel López Pinín, nutricionista de Burela, fala sobre como estimular as defensas fronte ó COVID-19, este venres nun curso da aula focense da UNED sobre alimentación durante o confinamento

23 abr 2020 . Actualizado a las 11:22 h.

«Alimentación saudable en tiempos de confinamiento» é o título do curso online que a aula universitaria da UNED en Foz puxo en marcha esta semana. Xa impartiron clases vía streaming as expertas en materia de nutrición Alba Vila e Saray Río e este venres (de 17.00 a 18.30) tócalle a quenda ao nutricionista e dietista burelense Noel López Pinín, falando de «Mejorar tus defensas. Haz frente al coronavirus».

-Imaxino que a través da nutrición non é que combatamos o virus, porque non hai «fórmula máxica» nin vacina ainda, pero si que podemos preparar mellor o corpo ante posibles contaxios.... Cales serían as pautas básicas?

-Parten duns hábitos saudables. É o principal. Se non hai uns hábitos saudables, as defensas do corpo non están como deberían estar. Cales son? Ter unha alimentación adecuada, realizar exercizo, coidar a calidade do sono e manter unha boa hidratación. Parece que non, pero todos eses factores como durmir mal e non facer exercizo son agravantes do estrés e un corpo estresado ten un sistema inmunitario máis pobre.

-Non todos fixeron «os deberes».

-Ter un corpo sano e boa resposta inmune non quere dicir que non te vaias a contaxiar do virus pero significa que ao mellor, nun contaxio, logras recuperarte, gañar a batalla antes e non ter unha sintomatoloxía tan forte coma unha persoa co sistema inmune máis pobre ou frouxo.

-Que dieta aconsella?

-A mediterránea, unha dieta que aporte todos os nutrientes que o noso corpo demanda como vitaminas, minerais, rica en antioxidantes e graxas saudables (omega-3 que axuda a mellorar o sistema inmunitario). A alimentación ten que ser equilibrada.

-Parece que a xente está a consumir agora máis suplementos.

-Os complementos alimentacios non son máis que nutrientes que a propia alimentación ten. Se a persoa come sano, non ten tanta necesidade de suplementarse. Pero si que hai certos nutrientes con máis influenza de mellorar o noso sistema inmune, por exemplo, a vitamina C, E, zinc e o omega-3. E ter un intestino saudable... iso é fundamental; falo dunha flora intestinal equilibrada porque a dixestión facémola no estómago, pero a absorción é no intestino. Hai unha frase que me gusta: «Somos lo que comemos» pero engádolle: «Somos lo que comemos, lo que digerimos y absorbemos».

-Co confinamento haberá déficit de vitamina D, do sol.

-Aí está complicado, porque o 80% sintetizámola a través da exposición solar e xa na zona xeográfica na que vivimos solemos ter déficit dela. Que pasa? Co confinamento vaise agravar, pero a través da alimentación é moi complicado conseguila por non dicir imposible. E para suplementala, hai que ter precaución e hai que facelo baixo supervisión dun profesional para saber a dose. Despois, tamén nos axuda a mellorar a resposta inmune contra o coronavirus (como están demostrando estudos científicos, na inactivación do virus e inhibición do recubrimento viral) o zinc. Hai suplementos. En alimentos está no arroz integral, ostras e ameixas, améndoas, ovos, carne branca, chocolate negro (85%), semillas de cabaza, levadura de cervexa...

-Sería útil para os de risco?

-Si. Sobre todo as persoas maiores teñen déficit de zinc.