José Veiga: «O ano que vén celebraremos a Semana Santa de Viveiro co dobre de ganas»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

José Veiga, ante a imaxe do Prendemento, que se expón nos claustros de San Francisco durante todo o ano
José Veiga, ante a imaxe do Prendemento, que se expón nos claustros de San Francisco durante todo o ano XAIME RAMALLAL

O presidente da Xunta de Cofradías da Semana Santa de Viveiro afirma que está «descartado» aprazar a celebración da Paixón ao mes de setembro

09 abr 2020 . Actualizado a las 10:01 h.

Tal día coma hoxe hai un ano, e dous, e tres, e dez, e vinte..., José Veiga Golpe (Viveiro, 1967) estaría preparando os últimos detalles da procesión do Prendemento, que tería lugar esta noite despois da da Última Cea, e colaborando co resto de confrarías da Semana Santa de Viveiro. Pero a crise do coronavirus obrigou a suspender -que non a aprazar- na primavera deste 2020 unha cita de interese turístico internacional, como explica o presidente da Xunta de Confrarías.

-Imaxino que nunca viviu unha Semana Santa tan relaxada coma esta...

-A verdade é que non. Aínda non o teño moi asimilado, porque pola Semana Santa sempre estaba enleadísimo e este ano é todo moi disinto: tanto a nivel de Semana Santa, despois de 25 anos na directiva, como a nivel laboral -ten unha empresa de instalacións- estamos parados en todo.

-Sen misas presenciais, sen oficios litúrxicos, sen procesións... Como está vivindo a cita confinado na casa?

-En relación coa Semana Santa o único que facemos é atender á prensa e pouco máis. É moi estraño estar totalmente relaxado.

-Nalgúns foros comentouse a posibilidade celebrar a Semana Santa máis adiante. Vaise facer?

-O que é a Semana Santa non. Se despois, cando nos poidamos reunir, se propón facer unha celebración extraordinaria na Igrexa, un acto de acción de grazas ou algo, valorarémolo no momento, pero o que é celebrar a Semana Santa en setembro dous días, como se falaba por aí, seguro que non. Non o contemplamos. Está descartado completamente.

-Nalgúns lugares van aprazar as comuñóns...

-As comuñóns están ben, pódense aprazar un ou dous meses, pero a Semana Santa é cando é. A Paixón de Cristo conmemórase nesas datas e non hai máis, non se pode cambiar. Se non se pode, non se pode. Cando chove non a cambiamos para o mes seguinte. Non se pode e xa está.

-Que mensaxe trasladaría aos confrades?

-Agora mesmo o importante é a saúde e respectar a normativa polo COVID-19. Temos que esperar e ter paciencia. Outros anos choveu e non saímos. E ter ganas de seguir traballando e celebrala co dobre de ganas o ano que vén.

Vídeos antigos da Semana Santa superaron as 21.000 visitas en poucas horas na Rede

José Veiga Golpe afirma que estes días ve «moita xente ilusionada» coa Semana Santa do 2021. «Todo o mundo me di o mesmo, de empezar a traballar xa para o ano que vén e facer dobre esforzo. A xente si que está ilusionada nese sentido, e iso é bo», sorrí o máximo responsable da Xunta de Confrarías dunha Semana Santa que cada ano reúne a milleiros de visitantes. Proba dese tirón é o número de visitas que están rexistrando nas últimas xornadas a web e as distintas redes sociais da Semana Santa viveirense, nas que estes días se colgan fotos antigas, vídeos e mesmo unha Semana Santa virtual na que se emiten as procesións doutros anos á hora que terían que estar na rúa. Tamén se fan visitas virtuais -guiadas por Suso Martínez- á carpa Antesala dun museo, onde se concentra boa parte do patrimonio. O martes pola noite os vídeos foran visualizados xa 21.000 veces. «Para matar un pouco o gusanillo estou colgando vídeos e fotos. Levo así 15 días, pero todo a través do ordenador. Estou todo o día con cousas de Semana Santa, pero na casa, claro», indica Veiga.