«A día de hoxe o Sergas ten detectados 17 traballadores sanitarios afectados polo COVID-19 en Medicina Interna no hospital da Mariña»

La Voz BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

Imagen de la ampliación del hospital de Burela, que entró en funcionamiento hace unos meses, y donde ahora se atienden a personas infectadas por el COVID-19
Imagen de la ampliación del hospital de Burela, que entró en funcionamiento hace unos meses, y donde ahora se atienden a personas infectadas por el COVID-19 XAIME RAMALLAL

O Servizo Galego de Saúde afirma que a planta funciona con normalidade tras ser desinfectada, e que contratou persoal

27 mar 2020 . Actualizado a las 21:46 h.

«A día de hoxe o Sergas ten detectados 17 traballadores afectados polo COVID-19 na planta de Medicina Interna do Hospital da Mariña. Hai que salientar que nesta planta non se atopaban ingresados pacientes polo coronavirus».

Así explicaba onte o Sergas a situación no centro sanitario, en concreto na planta de Medicina Interna, onde se detectaron eses casos de contaxios.

«A todos os profesionais afectados -explican- fíxoselles o correspondente estudo epidemiolóxico, así como a proba do COVID-19. Ditas medidas tamén se tomaron con todos os pacientes ingresados nesta planta, aos que tamén se lles realizou o estudo epidemiolóxico e as probas».

«Ademais o Hospital da Mariña procedeu a limpar e desinfectar a fondo dita planta, de acordo cos protocolos establecidos, de xeito que nestes momentos dita planta está a funcionar con normalidade e con todos os pacientes que se atopan nela ingresados testados».

Engaden dende o Sergas: «Do estudo de contactos do caso inicial obtivemos, como dixemos, un total de 17 profesionais afectados. De acordo co protocolo establecido, todos eles están recibindo asistencia sanitaria que precisan en cada caso. A planta de Medicina Interna afectada, tamén convén precisar, está a desenvolver a súa actividade xa con total normalidade».

O Sergas recurriu a contratar a persoal e a reforzalo, para substituír as baixas por contaxios nesta planta do hospital.

«Procedeuse a limpar e desinfectar dita planta e neste momento está a funcionar con normalidade»

Conclúen sinalando dende o Servicio Galego de Saúde que «o Hospital Público da Mariña está a adoptar todas as medidas preventivas necesarias para garantir a seguridade de todos os traballadores e usuarios, seguindo os protocolos de actuación e prevención establecidos tanto polo Ministerio de Sanidade como pola propia Consellería de Sanidade».

«O Sergas xa contratou persoal e no hospital tomáronse medidas preventivas para garantir a seguridade»

Traballo interésase pola situación no hospital, trala denuncia sindical

A Inspección de Traballo interésase pola situación do hospital mariñano trala denuncia sindical, realizada pola CIG tra-los contaxios entre o persoal sanitario.

A resposta de Traballo é que «se efectuou advertencia á empresa, neste caso hospital, da obrigatoriedade do cumprimento de ditas medidas, requirindo un informe comprensivo das medidas adoptadas no centro de traballo para dar cumprimento ás recomendacións sanitarias para evitar ou diminuír o risco de contaxio dos traballadores fronte ao coronavirus».

Esta central sindical denunciou diante de Traballo esta mesma semana, entre outras cousas, que non se estaban tomando as medidas de protección suficientes para o persoal sanitario.

Finalmente dende a CIG celebraban onte mesmo pola tarde que xa chegaran equipos de protección ao hospital para os sanitarios.