Pepe Peinó: «A soidade para escribir é bonita unhas horas pero tamén hai que observar e convivir»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía ALFOZ / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

O autor de «A Solo no le gustaba su nombre» vén de gañar un premio internacional por outra obra, «Algo»

17 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Debido á situación derivada da pandemia do coronavirus, o escritor Pepe Peinó viuse obrigado a suspender a presentación da súa última novela, a primeira que fai en castelán, en Foz. Pese á cancelación por causa de forza maior que afecta a todos, o momento segue a ser oportuno para falar da súa publicación, ao tempo que para felicitalo por haber acadado tamén o primeiro premio na categoría A do IV Certame Internacional para Obras de Teatro Joven, organizado pola Editorial Dalya de San Fernando (Cádiz) pola súa obra «Algo».

-A súa última novela, «A Solo no le gustaba su nombre», é a súa primeira en castelán.

-Si, é o primeiro libro que publico en castelán. Eu eduqueime en Lugo, onde se falaba en castelán, que foi o meu idioma de formación. O galego fálase máis ou menos según o entorno no que estás. Aquí na costa levo xa 30 anos! Pero neste caso a razón para publicar en castelán é porque a editorial (La Equilibrista, de Barcelona) publica en castelán. A razón dun concurso, quedou finalista pero ofreceron publicala igual. Tamén é verdade que escrita en castelán chega a máis públicos, a máis sitios, a máis países.

-Cando a escribiu?

-Nuns anos nos que a soidade me preocupaba, a soidade non buscada, a soidade que che atormenta un pouco... Foi cando escribín o libro. Hai unha soidade «terapéutica», na que ti buscas estar só para encontrar a paz pero hai outra que se che impón, ao mellor unha soidade porque non eres aceptado ou non estás con quen queres estar e sofres... Esa é unha soidade tráxica.

-Como mestre de instituto, está moi rodeado de rapaces. Algúns tamén se poden sentir sós, xusto nunha etapa da vida difícil.

-Todas as idades son malas para a soidade, pero a adolescencia é cando formas os afectos e necesitas da compaña dos teus iguais. Chameille Solo ao protagonista porque é unha persoa que non admite estar soa. Está no grupo pero non está e non quere admitilo.

-Cantos libros publicou?

-Teño catro publicados pero escritos moitos máis... no caixón.

-Qué opina desa soidade que precisa o escritor para escribir?

-Que é unha soidade dun momento. Un escritor ten que ter ratos tamén para deixar descansar a cabeza, para observar, pasear... A soidade é bonita pero se é unhas horas ao día. Porque tamén hai que ter tempo para observar e convivir, axudar a formar ideas e, por tanto, novelas.